VEGANA

Esta semana arranca a programación infantil en Castrelos

Como non todo van ser concertos pola noite, esta semana comeza a programación infantil e xuvenil para o Auditorio de Castrelos, cuxo acceso ao recinto será de balde nestas actuacións. Entre o venres 3 e o martes 7 de agosto, sempre ás 20:00, os nenos e nenas poderán gozar dos espectáculos de Rock en Familia, Cantajuegos, Xurásico a Illa Perdida e Los Mundos de Peppa Pig e Ben e Holly. 

Imaxe de Xurásico, a Illa Perdida

Castrelos non só está para o goce dos maiores, xa que este venres iníciase a programación dirixida ao público infantil e xuvenil, ademais das súas familias. O venres 3 de agosto, ás 20:00, subiranse ao escenario do Auditorio tres bandas tributo baixo o nome de Rock en Familia. Estes grupos serán  Arma Joven (tributo a Bon Jovi), Ramoñas (tributo aos Ramones) e os Bruce Brothers (tributo a Bruce Springsteen), e o seu principal obxectivo, ademais de facer que todos e todas as presentes pasen un bo rato, é o de achegar o rock e derivados á mocidade. Se ben é certo que o cartel deste ano de Castrelos é bastante variado, non atopamos, agás con Little Steven, unha gran presenza deste xénero.

A segunda cita será ao día seguinte, o sábado 4 de agosto, co exitoso grupo infantil Cantajuegos, que vén a presentar o seu novo show ‘Yo tengo derecho a jugar’. Con 10 anos de xira ás costas, unha nominación aos Grammy Latinos e acompañados por Coco, Pepe e Buby, promete ser un espectáculo único que encherá de felicidade aos máis pequenos e pequenas da casa, que non deixarán de cantar e bailar as súas pegadizas cancións.

O luns 6 de agosto chega a Vigo o novo concepto de espectáculo cultural familiar, a experiencia teatral de Xurásico, a Illa Perdida. O show, a través dunha historia de científicos e dinosauros, pretende mesturar temas como a ecoloxía e a cultura coa diversión e o espectáculo. Unha obra única e novidosa, na que tanto os actores como os dinosauros interactuarán directamente co público, que será un dos protagonistas.

O último espectáculo para público infantil será o martes 7 de agosto, coa chegada ao Auditorio dos Mundos de Peppa Pig e Ben e Holly. Os protagonistas destas dúas famosas series estarán en Vigo, rodeados do resto de amigos e amigas, para levar aos pequechos e pequechas a mundos máxicos a través das cancións de ambas series.

Catro actuacións variadas, con moita música e diversión, para entreter ao público infantil e xuvenil vigués. Lembramos que todas terán lugar ás 20:00, de entrada de balde a todo o recinto do Auditorio.

(GMT+01:00) Parque Castrelos


(GMT+01:00) Parque Castrelos


(GMT+01:00) Parque Castrelos

REVISTA OUTUBRO

(GMT+01:00) Parque Castrelos