VIALIA
bannerPicnicSesions

‘Eroski Paraíso’ mantén a esencia na gran pantalla

O filme baseado na obra teatral homónima estreouse nos cines galegos o pasado venres, demostrando que toda a forza e o humor transladouse de forma orgánica do escenario á pantalla. Un traballo de metaficción divertido e profundo protagonizado por tres actores en estado de graza: Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e Cris Iglesias.

Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira nun fotograma da película

Como tende ser habitual, os Multicines Norte son a única opción que temos para poder gozar do cinema autóctono, que ademais de Eroski Paraíso esta semana ofrece La felicidad de los perros, do vigués David Hernández, e Longa Noite, do meirense Eloy Enciso. Estas tres obras, sumadas á exitosa O que arde de Óliver Laxe, demostran o bo estado da produción cinematográfica propia, sobrada de calidade pero en ocasións necesitada de público.

REVISTA ABRIL

Resulta curiosa e interesante esta adaptación de Eroski Paraíso por parte de Jorge Coira e Xesús Ron, xa que mantén a esencia teatral pero sen descuidar o apartado audiovisual, facendo un exercicio brillante de metaficción. O filme conta a historia de Alejandra (Cris Iglesias), quen pretende realizar unha película recreando como se coñoceron os seus pais (Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo) na antiga discoteca Paraíso, hoxe convertida nun supermercado Eroski.

A maior virtude desta longametraxe é o seu sentido de humor, sostido por tres grandes actores que transmiten unha naturalidade abraiante. Mais todos estes risos e sorisos non embazan un subtexto cargado de mensaxe, que abrangue desde a sociedade do rural galego nos anos 80 ata as relacións familiares ou o desarraigo social. Unha comedia profunda e intelixente que se desfruta nun suspiro pero que deixa un poso doce na memoria. Ademais, conta con presenza viguesa na fotografía, xa que no traballo de cámara atopamos aos tamén directores Pablo Fontenla e Noemi Chantada.

Podes consultar os horarios das sesións nesta ligazón.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.