Entreculturas pecha o ano con actividades solidarias
Entreculturas Vigo ofrece alternativas á espiral consumista de cada Nadal e, de paso, busca sensibilizar sobre a cuestión ambiental a través da reutilización, a reciclaxe, o ecoloxismo e a economía circular. Por ese motivo, do 12 ao 17 de decembro ofrece un espazo para o intercambio de bens (roupa ou calquera tipo de obxectos) no Centro Gárate, nas instalacións do colexio Apóstolo Santiago.
Este sábado 17 Entreculturas propón unha xornada cargada de actividades para toda a familia. Entre as 17:00 e as 19:00 haberá un taller de cociña de aproveitamento e tamén obradoiros infantís para traballar o coidado do planeta e vinculalo ás nosas formas de consumo. Ás 18:00 terá lugar unha interesante mesa redonda sobre formas alternativa de consumo e aforro: comercio xusto con Oxfam Intermón e economía Circular con Cáritas e Banca Ética con Fiare.
Con estas actividades Entreculturas pretende ofrecer unha visión ampla do coidado da Casa Común, da causa da xustiza ambiental e onde busca crear un ciclo infinito de vida para aquilo que xa non usamos. Este curso 22-23 sensibilizarán sobre o proxecto que Entreculturas Vigo financiará en Nador, Marrocos, para apoiar o traballo con persoas migrantes nesa fronteira sur de Europa, para onde irá todo o recadado nas diferentes actividades.
A próxima semana terá lugar o tradicional Concerto Solidario de Nadal de Entreculturas. Será o mércores 21 de decembro ás 21:30 na Fábrica de Chocolate, e contará coa actuación das cantantes viguesas Aid Alonso, Reyes Caride, e o británico afincado en Vigo, Adrian Timms. Durante toda esta semana séguense realizando os intercambios de obxectos no trueque, que comezou o pasado luns 12 e seguirá ata o sábado 17 de decembro no Centro Gárate, de 17:00 a 20:00 h, na rúa Sanjurjo Badía 79.