bannerEspazoFest
Banner sonrias

O Mar de Vigo pecha o ano cun concerto e espectáculos infantís

Do 26 ao 28 de decembro arribará no Auditorio Mar de Vigo o espectáculo infantil La Estación Mágica, mentres que o último día do ano debutará en sesión vermú a banda local Muñoz.

Imaxe de La Estación Mágica, nunha representación en Madrid

A pesar de ser un ano moi negativo para a industria cultural, o Mar de Vigo conseguiu manterse a flote grazas ao Festival TerraCeo, que supuxo un enorme éxito no verán vigués coa visita de artistas como Love of Lesbian, Coque Malla, Kiko Veneno ou Amaral. Seguindo esta dinámica, o auditorio quere rematar o ano da mellor forma posible cun concerto e cun espectáculo infantil.

O Nadal ten que ser dos nenos e as nenas. Por iso o Auditorio Mar de Vigo deseñou unha opción de cultura e entretemento segura para as familias nestas datas. Polas súas instalacións pasarán dous espectáculos familiares de gran despregamento escénico.

O primeiro poderá verse os días 26, 27 e 28 de decembro ás 17:00 . Trátase de La Estación Mágica, unha proposta para familias de grandes dimensións escenográficas. A historia transcorre nunha estación de tren na que uns pasaxeiros moi pintorescos coinciden nunha locomotora de tamaño real. Farán unha viaxe ao mundo máxico do circo envolto nunha coidada escenografía arroupada por un gran desenvolvemento luminotécnico.

Banner A Movidiña

Xa no 2021, o día 3 de xaneiro, comparecerá o ilusionista Pedro Volta. Presenta a súa nova proposta: Ilusionante. Sobre o escenario, Volta acertará predicións imposibles cos espectadores e fará maxia ultra moderna e emocionante inspirada en series e películas como La Casa de Papel, Regreso al Futuro ou Los Cazafantasmas. O seu espectáculo, semifinalista do programa de televisión Got Talent, tamén estará acompañado dun interesante despregamento de medios audiovisuais.

Volvendo ao 2020, a do xoves 31 será a primeira presentación en público do potente son rockeiro da banda viguesa Muñoz, formada por coñecidos intérpretes da escena da música local. Ao escenario subiranse algúns invitados moi especiais. E moi poucas persoas, só 250, poderán asistir a este concerto no amplo hall do recinto. Ademais, parte da recadación irá destinada á Asociación HN contra o cancro.

As entradas xa están dispoñibles en Ataquilla.

X