Vialia cumpre un ano e celébrao con concertos e actividades infantís
Dani, Ortiga, Eladio y los seres queridos e Pablo Lesuit actuarán no Vialia Fest, a festa do primeiro aniversario do Centro Comercial Vialia na que tamén haberá actividades infantís. A programación desenvolverase entre o 30 de setembro e o 2 de outubro e é gratuíta.

Desde o 30 de setembro ao 2 de outubro, Vialia celebrará Vialia Fest para conmemorar o primeiro ano de vida do centro comercial. Na parte musical, o centro comercial ten prevista unha axenda de concertos onde os artistas locais Dani, Ortiga, Eladio y los seres queridos e Pablo Lesuit ou Ultrafónicos serán os encargados de poñer a banda sonora. A primeira en subirse ao escenario será Dani, o venres 30 ás 19h, seguida de Ortiga ás 21h. No mesmo horario actuarán o sábado 1 Pablo Lesuit e Eladio y los seres queridos.
A zona infantil terá formato verbena e iniciarase o sábado co show Para bailar, no que os máis pequenos gozarán de karaoke infantil, pasarrúas e inchables. Na zona Ludiland, os nenos e nenas que se acheguen a Vialia Vigo a celebrar o primeiro aniversario do centro comercial poderán participar na xincana Buscando o Tesouro de Vialio. O sábado, tamén na zona Ludiland, haberá gran festa de aniversario con maquillaxe e xogos musicais. O domingo será a quenda dos xogos populares: mímica, globoflexia e pintacaras.
Outra das accións previstas no marco do primeiro aniversario serán os sorteos que se celebrarán o venres e sábado. O presentador vigués Carlos Veleiro será o artífice de escoller aos gañadores dos premios sorpresa que serán obsequiados con tarxetas regalo de Vialia Vigo.
Durante o primeiro ano de vida de Vialia Vigo leváronse a cabo máis de 545 eventos de diferente índole (culturais, deportivos, infantís, danza…) con máis de 200 días con animacións. A pantalla xigante do Food Court retransmitiu máis de 100 eventos deportivos, celebráronse múltiples talleres para os máis pequenos e leváronse a cabo numerosos espectáculos de música e danza.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- O Celta busca a camiseta que Madonna vestiu no concerto en Vigo de 1990 - 4 Marzo, 2026
- Dolores Ribaldo, a nova libraría alternativa de Vigo - 4 Marzo, 2026
- Guía completa de actividades para conmemorar o 8M en Vigo - 3 Marzo, 2026
- A Feira Vegana.gal fai unha pausa en 2026 - 24 Febreiro, 2026
- O tudense Samuel Diz recupera a música de Gustavo Durán xunto a Jonatan Alvarado - 13 Febreiro, 2026

