Enrique San Francisco: “Estou tolo por ver a iluminación de Vigo”
A súa é unha das caras máis recoñecibles do audiovisual estatal. Cuéntame, Gym Tony, El Hormiguero, Amanece que no es poco… son algunhas das series, programas e películas nas que puidemos ver a Enrique San Francisco, que este venres visita o Teatro Salesianos co seu monólogo ‘La Penúltima’. Podedes mercar as entradas aquí.
Que podemos esperar do teu novo monólogo ‘La Penúltima’?
O monólogo que vou facer é sobre o tema dos veciños, sobre as relacións coas mulleres antes do periodo Xurásico, que era cando eu era novo, e tamén falarei sobre a Garda Civil.
Da Garda Civil?
Si, entre outras cousas, e non che adianto nada máis que senón o conto todo.
Co título deste show, queres dicir que xa estás a pensar na última ou aínda é moi cedo?
Aínda é moi pronto, home! ‘La Penúltima’ soa un pouco a título mortuorio. É un título que se inventaron co que eu non estaba de acordo porque me parece pouco orixinal. Por outro lado, está ben porque xa sabes que a penultima é a que nunca se acaba.
É un bo momento o actual para facer comedia en España?
Eu creo que é o mellor momento, dada a comedia que fan os políticos e demais… si, claro.
Con todos os feitos ocorridos nos últimos meses, cres que está a haber unha especie de persecución á comedia?
Eu traballo nun medio que, como a miña nai, é de esquerdas. Unha cousa é ser de esquerdas e outra é formar parte dunha esquerda fundamentalista, e iso é o que non se pode permitir.
Despois dunha vida dedicada á comedia, que fai rir a Enrique San Francisco?
Ver e observar as cousas cotiás. Eu os meus monólogos sácoos dunha realidade que despois esaxero. Despois teño amigos con moito sentido do humor que contan chistes moi bos. O sentido do humor é fundamental.
Es un dos humoristas máis veteranos do país. Hai algún cómico novo que che guste especialmente?
Gústanme moitos. Novos non sei, porque non vexo moito a televisión, a verdade. Hai moitos monologuistas que me gustan, como por exemplo Leo Harlem ou Verónica Forqué. Moitos, moitos… e despois hai outros que non me gustan absolutamente nada, pero eses non os vou dicir.
Vendo a túa traxectoria, ata fai uns anos traballabas tanto en cinema como en televisión, mais ultimamente pareces máis centrado na tele. A que se debe isto?
Aínda que agora fago televisión, tamén participo na última película de Santiago Segura, Sin Rodeos. E agora fixen outra con Hovik Keuchkerian, Jean Reno e Arturo Valls. Vaise estrenar o 18 de marzo. Xa está comprada por Netflix, pero é de produción española. Ademais o papel que fago é dramático, non ten nada que ver cos monólogos. Eu non son humorista, eu son actor. Un actor ten que saber producir humor.
Xusto ía preguntarche agora por esa película, 4 Latas. Que máis nos podes contar dela?
Pois a verdade é que nada, é un secretismo. O outro día aínda estiven a gravar as voces en off e polo visto quedou incrible. Pero non che podo decir máis porque non a vin proxectada nin nada. Pronto farán un pase para os que fixemos o filme. Supoño que en internet atoparás máis información, aínda que eu fun mirar e había moi pouca. Non hai tráiler nin nada aínda.
Tamén tes participado poñendo voz en proxectos máis independentes como La crisis carnívora ou Psiconautas, los niños olvidados, do galego Alberto Vázquez. É un mundo que che atrae o da dobraxe?
Gústame moito o mundo da dobraxe e dos debuxos. O cine de animación gustoume desde sempre. Eu quería facer cousas dese estilo pero custa unha de cartos… Moitísimo máis caro que un filme normal, é un traballo moi arduo. Teño en mente un proxecto que estamos a mover para facer unha serie de debuxos.
E non se pode contar nada máis sobre este proxecto?
De momento non, pero agardo que pronto. A min encantaríame levalo a cabo, pero o problema é a financiación. É moi caro facer unha peli de animación, ben feita claro. Se a fas con flash ou así pois non, pero eu falo de algo ben feito.
Non sei se xa coñecías Vigo anteriormente. Vas aproveitar para dar un paseo e ver a iluminación do Nadal?
Como non vou coñecer Vigo? Se ti aínda non naceras cando eu estaba por aquí. A primeira vez que fun debeu ser fai 30 anos ou así, e teño 63. Ademais encántame Vigo. Sobre as luces, pois por suposto. Por onde non vou pasear é por Madrid, se ves a iluminación que hai por aquí… semella que tiraron as bombillas desde un sexto andar. Eu comprendo o da austeridade, a que non teñen os políticos por outro lado, pero non para que os cidadáns non podamos gozar dun Nadal cunha boa iluminación. O de Madrid é patético. Por min que viva Vigo! Paréceme marabillosa a idea do alcalde. Ademais estou contento porque creo que foi ata rendible e todo, o cal alédame. Polo visto Vigo está a recaudar moito coa iluminación. Estou tolo por vela. Eu lémbrome do Nadal na miña infancia e daba gusto.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024