Emprendemento é un termo feminino
Na última década, como herdanza última da crise económica, empezar un negocio propio fomentouse como opción perante a escaseza de oportunidades no eido laboral, propiciando que profesionais, cada vez con máis e mellor formación, poidan permitir alimentar inquedanzas de seu. Unha tendencia en busca da prosperidade que está liderada, cada vez máis, por mulleres.
María Isabel Neira Gómez é profesora de Economía na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e directora técnica do equipo GEM Galicia, unha división do proxecto de investigación Global Entrepreneurship Monitor (GEM), o maior observatorio mundial en materia de emprendemento. Este organismo vén de publicar o seu último estudo, que constata o crecemento de mulleres emprendedoras na comunidade galega: un 57,66% durante 2018 e 2019. A investigadora resalta a análise psicolóxica e social que hai detrás destas cifras: «Claramente hai un cambio de paradigma e a poboación feminina ten cada vez menos medo ao fracaso e máis visión de oportunidades». Para Isabel, unha das principais calidades das persoas emprendedoras é que teñen a capacidade de ver o dobre de oportunidades que o resto dos mortais, isto é, «levar postas as lentes de visión emprendedora». Outra boa nova que se extrae do estudo é que as empresas consolidadas por mulleres teñen menos taxa de fracaso: «Custábanos máis dar o paso, pero faciámolo con máis garantías de formación». De calquera xeito, a experta anima a que asumamos o fracaso como unha aprendizaxe e non necesariamente como unha derrota, pois é nese camiño de proba e erro onde podemos dar coa fórmula do éxito.
As que plantan cara ao fracaso, quizais porque saben que a unión fai a forza, son as 40 tripulantes de Mulleres Atlânticas, unha comunidade creada por e para emprendedoras que se apoian mutuamente durante a travesía de facer medrar cada un dos seus negocios propios, entre os que se encontran unha consultoría de mercadotecnia, unha fábrica de bebidas ou unha marca de artesanía. Esta singular rede de traballo exclusiva abrangue eventos periódicos que afianzan as relacións persoais, crean alianzas empresariais e, o máis importante, poñen remedio á soidade que sofren moitas autónomas.
‘GALICIAN BREW’, catando unha paixón
María Isabel Viéitez Álvarez é unha das emprendedoras con máis éxito nestes lares. En pleno auxe das cervexas artesás, en 2015 creou a súa propia marca: Galician Brew, que a día de hoxe emprega catro persoas no obradoiro que teñen en Ponteareas. Facendo esta prezada bebida flúe a sua paixón, «as elaboracións de calquera tipo», pois este zume de cebada fermentado permite que experimente receitas e procesos. Dous anos despois de poñer no mercado as súas primeiras referencias, Curuxa e Sabela, Isabel tomou a decisión de ampliar as instalacións «para non morrer de éxito». A inauguración da fábrica está prevista para o domingo 29 ás 20.00 horas, e Isabel convídanos a todos a acompañalos. Medran pero sen moverse de lugar, xa que o motivo de ser dunha cervexa artesá está na calidade dos ingredientes, empezando pola auga, que se obtén directamente dun manancial próximo. Isto é primordial en Galician Brew. Viéitez móvese nun nicho de negocio moi masculinizado, mais declara que nunca viu na súa condición de muller unha eiva, aínda que tampouco deu con moitas compañeiras de profesión: «Simplemente tiraba para adiante, porque esa era a miña paixón e creo que todas as mulleres deberiamos facer iso cos nosos intereses». Ademais de produtora, Isabel tamén é xurado internacional en cata de cervexa e o seu padal representa a Galicia e España arredor do mundo. No último concurso ao que foi convocada, en México, había máis de 70 xuíces; tan só 7 eran mulleres.
galicianbrew.com
[FB] @gbgalicianbrew | [IG] galician_brew | [TW] @galicianbrew
629 37 56 78 | info@galicianbrew.com
‘C CON/ T HAIR SALON AND BEAUTY’, beleza saudable
Beatriz Rodríguez Covela é unha veterana do emprendemento. Esta perruqueira deu o salto á importación dunha marca de produtos de coidado persoal hai xa 14 anos. Hoxe conta cun equipo de 16 persoas, dous salóns de peiteado na cidade e unha rede de axentes en toda a xeografía española que comercializan tres marcas internacionais de alta calidade (Philip Martins, Fedua e REF) para salóns profesionais. A última aventura de Bea foi abrir C con /t Hair Salon and beauty , un híbrido entre un salón de beleza e o que ela denomina «a universidade da perruquería», un espazo de coidado persoal e formación tranquilo, de decoración moi coidada que convida á clientela a «respirar o momento», sen présas, nun ambiente de benestar. «Buscamos a excelencia en todo o que facemos, desde o protocolo de atención ás clientas, pasando pola alta calidade que ofrecemos no servizo e na formación do persoal». Aquí non se realizan tratamentos, senón rituais en cabinas privadas, butacas amplas para a pedicura ou toucadores que gardan unha boa separación de respecto entre si e o uso de procedementos e produtos nada agresivos e libres de químicos.
Rúa de Faustino Álvarez, 1
ccont.es
[FB] @ccontconsulting | [IG] ccont_hairsalon
647 81 70 37| info@ccont.es
‘MAITEA’, saúde natural desde dentro
O compañeirismo é un dos piares de Maitea, o centro de benestar que hai un ano abriu Isabel Noelia Bernárdez Zurita. Despois de traballar en centros de quiropráctica e estética, decatouse de que as mulleres que buscaban ese tipo de servizos precisaban solucións máis aló de parches provisionais e comezou a formarse en medicina holística e nutrición, para despois aventurarse a abrir este espazo. Se unha acode a Maitea cunha dor de xeonllo ou por exceso de graxa corporal, por poñer só dous exemplos do amplo catálogo de tratamentos que ofrece, atopa unha atención integral que entende o corpo como un todo e que parte do físico para lograr o desbloqueo emocional, orixe das doenzas crónicas segundo Noelia. Esta emprendedora quere que o seu espazo se converta a medio prazo nun lugar de encontro para mulleres que coidan doutras semellantes. Mulleres tecendo unha rede de profesionais de distintos ámbitos, como avogadas, mestras de reiki ou sexólogas, que ofrezan servizos desinteresadamente. Aínda que o negocio está enfocado ao sector feminino, para Noelia emprender non é unha cuestión de xénero: «Necesítase carácter e valentía, sexas home ou muller».
Rúa de San Roque, 67
espaciobienestarmaitea.es
[FB] @noeliamaitea | [IG] maiteabienestar
986 13 34 98 | info@espaciobienestarmaitea.es
Texto: Paula Cermeño
Fotografías: Mulleres Atlánticas, Luxmart, Paula Cermeño e Pablo Vázquez
[ Podes ler a reportaxe íntegra na revista A Movida de marzo do 2020. Faite con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución ou comeza a recibila na túa casa facéndote #AMOVIDALOVER ]
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Alium, con gusto e sen glute - 7 Decembro, 2024
- 70 anos de sabor: Pereira publica un receitario creado por Rafa Centeno e Inés Abril - 4 Decembro, 2024
- Omichi: o camiño do bo ramen - 28 Novembro, 2024
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024