CAMELIAS MASCOTAS

EMAÚS presentará a súa nova curta ‘Rutas’ na poxa solidaria ‘As outras luces de Vigo’

Aproveitando o acto que imos levar a cabo este xoves ás 20h no Urban Market do Progreso, no que realizaremos unha poxa solidaria das fotografías de #AsOutrasLucesDeVigo en favor da Fundación EMAÚS, falamos con Juncal Blanco para que nos conte de primeira man todas as actividades que están a levar a cabo na asociación, ademais de proxectos futuros para este ano que entra. Ademais, este xoves presentarán en exclusiva a curta Rutas, un traballo realizado polos participantes do taller “Participa…No do guión”.

Fotografía dunha das actividades levadas a cabo por EMAÚS

Este ano iniciáchedes o proxecto PARTICIPA, realizando diferentes actividades de cohesión cidadá e social. Que balance facedes deste primeiro ano e que esperades do seguinte?

En Emaús Galicia estamos centradas no acompañamento a persoas que se atopan en situación de exclusión social, moitas delas en situacións moi extremas por atoparse na rúa, desposuídas de todo tipo de apoio e moito máis de vínculos relacionais e afectivos. No proxecto PARTICIPA estamos a desenvolver experiencias moi gratificantes ás que chamamos “encontros improbables”, espazos e accións que posibilitan o encontro, a convivencia, o coñecemento mutuo e o posible establecemento de vínculos entre persoas que sería moi difícil que se coñecesen se non facemos algo por fomentalo. Espazos abertos a calquera persoa da nosa comunidade independentemente da súa condición social, procedencia e/ ou destino. Accións que tamén nos están permitindo reivindicar o espazo público como lugar onde se xera vida social e comunidade e se posibilita a interacción social de igual a igual.

Ademais desta curta que ides presentar, tedes unha serie de vídeos moi coidados na web sobre as actividades que realizades. A que se debe este fincapé no audiovisual?

Porque o audiovisual é unha ferramenta que permite cambiar a linguaxe cotiá excesivamente viciada por marcos de referencia que, como diciamos, están cheos de esteorotipos e prexuizos que contribúen á reproducción das dinámicas de exclusión e que deixan a tanta xente atrás. Identificamos no audiovisual un instrumento que máis alá de contribuir á comunicación e difusión da nosa mensaxe provoca, por riba de todo, a reflexión, a toma de conciencia e favorece a reciprocidade no intercambio de saberes entre os actores involucrados.

Tamén lle dades moita importancia á música, como vemos con Cantamañás ou co obradoiro de Trap.

Si. Porque, igual que sucede co audiovisual, a música permítenos cambiar de rexistro e comunicarnos a través dun código moito máis aberto e inclusivo. A música ten un potencial intrínseco para a creación de espazos de encontro persoal e social, é un centro de interese latente en moitas persoas que, se o espertamos, permítenos coñecernos e comunicarnos dunha maneira distinta a como o facemos no noso día a día. Ademáis, cabe resaltar que estas accións son posibles grazas ao compromiso inquebrantábel dun ser e unha artista marabillosa coma Su Garrido Pombo. Unha muller que ofrece as súas capacidades e habilidades musicais ao servizo da inclusión utilizando o seu compromiso social e a música -a súa disciplina- como ferramenta para a transformación social. Mulleres como ela e coma Silvia Penas, coa que tamén tivemos a fortuna de contar durante este ano, son as que contribúen a construír un mundo máis sostible e xusto a diario, un luxo para Emaús e para nosa cidade.

Cantas persoas colaboraron na realización desta curta?

No formato de “encontro improbable” sumáronse un total de 8 persoas ao taller “Participa…no do guión”, un equipo incrible de persoas que descubriron como a simple utilización dos medios que temos ao noso alcance posibilita a realización dunha curtametraxe e que o proceso de realización desta conleva dinámicas individuais e colectivas que nos permiten reflexionar e (re)coñecernos de maneira creativa e transformadora. Tivemos a sorte de que este equipo foi capitaneado por outra muller extraordinaria, a cineasta Sara Traba. Unha artista viguesa cun potencial ilimitado que despois de acumular diferentes experiencias de formación e creación a nivel nacional e internacional aposta por desenvolverse profesionalmente dende a súa cidade natal.

A maiores destas actividades e obradoiros, que máis servizos levades a cabo ao longo do ano?

REVISTA NOVEMBRO

Fundamentalmente estamos centradas en ofrecer unha atención e acompañamento moi personalizada, próxima e flexible ás persoas que se achegan a Emaús na procura de orientación, información e axuda para que sexa efectivo o acceso aos dereitos básicos reiteradamente vulnerados. O acceso á vivenda que cada día é máis complexo e para o que necesitamos moita colaboración cidadá e institucional, a uns recursos económicos mínimos, ao emprego, a unha atención sanitaria axeitada e digna…E procuramos, nesa atención tan individualizada ofrecer moita escoita, agarimo, afecto… en definitiva todo o coidado do que somos capaces porque estamos convencidas de que é un concepto a reivindicar e pór de moda.

Cantos anos leva instalada a asociación na cidade?

Emaús deu os seus primeiros pasos en Vigo no 2003. Desde entón, con diferentes intensidades, con moi escasos e inestables recursos e sempre cunha gran dose de convicción e compromiso tentamos desenvolver unha misión complexa pero dotada dun enorme sentido común e coherencia: contribuir ao desenvolvemento sostible e promoción de procesos transformadores, individuais e colectivos no eido social, económico e medioambiental. Quédanos moito por facer. Queremos xerar emprego solidario mediante a posta en marcha dunha empresa de iniciativa social que fomente a reutilización de residuos voluminosos de orixe domiciliaria (madeiras, mobles, téxtiles aparellos eléctricos e electrónicos e outros enseres) e 2020 ten que ser o ano no que, por fin, podamos despegar. Esa vai ser a petición para os Reis Magos este ano! Confiamos no impulso das institucións e da cidadanía viguesa tamén para que sexa posible.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.