VIALIA
PLAYDOC

Facendo barrio

Este venres 30 ás 19:30 inaugúrase o canellón da Pomba cunha gran verbena para mostrar á veciñanza o traballo realizado neste solar ao longo de máis dun ano por Emaús e as diferentes persoas voluntarias.

Na rúa da Ronda de Don Bosco, entre o Bar Primavera e La Juakina, atopamos un tramo de escaleiras que van dar ao canellón da Pomba. É moi probable que nunca antes transitásemos por esa calella, pois ata hai ben pouco aí non había moito que ver: coches aparcados e solares inzados de maleza. A cousa cambiou: agora aí séntese un balbordo de xente e risos. O terreo que antes era un lugar habitado por ratos, agora é un espazo con horto, vexetación, mesas e cadeiras de madeira e mesmo unha singular neveira-biblioteca. Hai nenos, adultos e anciáns realizando diferentes tarefas. Pablo, un veciño da zona, está pintando un mural canda o seu fillo de seis anos. «Gústalle moito vir aquí, é unha actividade diferente que tamén serve para coñecer os veciños un pouco máis», conta. Belén, pincel en man, tamén enche de cor o muro de formigón. Preto dela está Begoña, que padece agorafobia; afirma que ese é o único lugar no que se sente coma na casa.

No amentado horto vense un par de mulleres que coidan das acelgas, das ervellas, das escarolas e das verzas. «Este lugar paréceme fantástico, porque a zona do centro estase a converter nun parque temático que destrúe a vida de barrio», di Ana, residente da rúa do Pracer. Pola súa parte, Patricia opina que a «humanización» —ou «comercialización»— da Ronda de Don Bosco está pensada para o turismo, «e non para as persoas». Por alí tamén anda Manuel, sacando as malas herbas cun sacho. E Miguel, un rapaz novo que leva case un ano traballando nesta iniciativa. «Como todos somos novatos, imos aprendendo xuntos, aos poucos», comenta. Estas tarefas de rehabilitación son para José María «unha escusa perfecta para socializar». De vertedoiro a oasis de resistencia veciñal. Que pasou aquí?

«Que pasa no barrio?» é unha iniciativa impulsada por Emaús, unha fundación social con máis de catro décadas de actividade e con presenza en Vigo desde hai case 20 anos. O seu financiamento procede maioritariamente de subvencións da Xunta de Galicia e do apoio privado da Fundación «la Caixa». Reunímonos no canellón da Pomba con Juncal Blanco, coordinadora de Emaús en Galicia; Adrián Bernárdez e Queco Díaz, os dous pedagogos encargados do programa Participa, que realizan conxuntamente coa organización Provivienda, de Teis.

O sol brilla e o ruído da cidade chega debilitado a este recuncho case milagroso. «Moitas das persoas as que acompañamos en Emaús séntense moi soas e nós buscamos dinamizar a súa participación en espazos públicos dos que normalmente están excluídas», explica Juncal. Unha das máximas coas que se traballa nesta organización son os denominados «encontros improbables», isto é, organizar accións de todo tipo para favorecer a participación de persoas en risco de exclusión social e crear novas relacións coa veciñanza que doutro xeito sería imposible que se desen. «Queremos poñer o foco da responsabilidade no tocante á inclusión social na contorna e nos barrios, implicar a veciñanza a través do coñecemento e da interacción», comenta a coordinadora. Así, mediante o proxecto Participa, lévanse organizando durante anos actividades moi diversas: bingo, concertos, confección de colaxes, desfiles de moda, encontros de fútbol, grupos de participación, mercados na rúa, obradoiros de música, pesca, proxeccións de cinema ao aire libre, talleres con roupa de segunda man…

A iniciativa foi recoñecida este ano nos Premios Fundación «la Caixa» como un dos dez mellores do Estado en materia de innovación social por «promover o sentimento de pertenza e cohesión social». Persoas usuarias, voluntarias e veciñanza colaboran nestas actividades, pero tamén hai artistas e profesionais que ceden tempo e talento para a causa: a promotora musical Laura Fontán, a cantautora Su Garrido Pombo, o showman Tony Lomba, o cantante Toño López, o artista plástico Ignacio Pérez-Jofre, a videógrafa Sara Traba

REVISTA ABRIL

O proxecto máis ambicioso ata o momento foi a propia rehabilitación do canellón da Pomba, á beira das oficinas de Emaús. A organización contactou cos donos do solar abandonado e lograron unha cesión gratuíta para transformalo nun espazo habitable, seguro e disposto para a cidadanía: o venres 30 preséntase cunha verbena o resultado de máis dun ano de traballo. A idea é que o xardín permaneza aberto para uso público, onde a xente poida ir charlar, comer, ler… «As terrazas invadiron un espazo que antes se utilizaba para o encontro da xente e para que os nenos xogaran; agora quedou unha praza un pouco fría para iso», engade Adrián referíndose á Ronda.

Con esa idea arrancou o proxecto do canellón, co consenso da veciñanza, para ofrecer unha alternativa de lecer: «Este xeito comunitario de traballar demora moito os procesos, pero dálle un pouso máis auténtico que non tería unha obra profesional e dirixida», finaliza o pedagogo. Outra das particularidades de Emaús é a fixación pola calidade no labor. «No tocante ás políticas sociais, sempre se fala da cantidade de persoas que se atende, pero nós incidimos moito na importancia que ten a calidade na intervención. A política social non debe ser asistencialista, porque a reinserción laboral non garante nada neste sistema. Cada vez hai máis traballadores pobres», reflexiona Juncal.

Un dos motivos de máis orgullo para eles é a consolidación grazas á programación de actividades na rúa. Isto, xunto coa mencionada canle de difusión «Que pasa no barrio?», a través da que se realizan entrevistas a diferentes persoas da zona, fixo que na Ronda de Don Bosco aumentase o sentimento de pertenza e cooperativismo cada vez máis ausente nos centros das cidades. Un barrio feito a si mesmo no que pasa de todo.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.