CAMELIAS MASCOTAS

Eladio Santos: “Tras ‘Orden Invisible’ quedeime baleiro, sen nada que contar”

Se tivésemos que facer unha banda sonora de Vigo, de ben seguro a voz de Eladio Santos formaría parte dela. Tras 30 anos rodando polas diferentes salas da cidade olívica, o líder de Eladio y los seres queridos, conseguiu facerse cun lugar que xa ninguén lle arrebatará.

Eladio recíbenos na súa casa, un piso no centro de Vigo, que actúa tamén como búnker do grupo. Nada máis entrar, as referencias musicais fanse evidentes: un póster de Bob Dylan, unha maqueta en Play Movil de Eladio y los Seres Queridos (agasallo dunha fan) e xusto de fronte a porta de entrada a unha pequena habitación que empregan a modo de estudo de ensaio e gravación. Os debuxos das súas fillas (dúas) tamén adornan as paredes. As pequenas, malia estar na casa durante a entrevista, apenas se senten.

Nese mesmo estudo, que nin tan sequera está insonorizado nin conta con grandes equipos de son, é onde Eladio y los Seres Queridos gravaron o seu último traballo: ‘Historias de Caza’ que presentarán este xoves en acústico no Mercado do Progreso. Un concerto intimista e de escalfamento para o día grande que será o 2 de marzo en La Fábrica de Chocolate. Nesta segunda cita o grupo sacará toda a artillería pesada, “gústanos actuar en Vigo cando xa temos o disco un pouco rodado, sabemos cales son as reaccións do público ante os temas en directo e temos tempo de facer cambios para chegar aquí e dar o mellor de nós”, explica Santos.

“É un disco sostible, e iso dannos moita liberdade”

Eladio fala de forma pausada, con ese ton grave que o caracteriza e a seguridade que dan os moitos anos de experiencia no mundo da ‘farándula’. É esa experiencia a que lles fixo decantarse pola autoproducción. ‘Cantares’, o seu disco anterior, foi a proba bomba. “A maioría dos temas de Cantares, que é unha selección de cantigas tradicionais galegas, xa os tiña gravados. Son temas que acostumaba a tocar aquí, na casa. Para o disco fixémoslle algúns arranxos. Cando o sacamos tiñamos medo de que a xente se decatara de que non fora gravado nun estudo ao uso, para a nosa sorpresa todo o mundo dicíanos que soaba moi ben”, comenta aínda con asombro. O que máis valoran da autoproducción é que gozan de total liberdade “Non forzamos, deixamos que as cancións saian solas. Non hai un día marcado no calendario para gravar as voces, grávanse cando nos sentimos con ganas de cantar”, explica o artista e engade que tamén lles abre a posibilidade de poder tocar en calquera sala sexa grande ou pequena.

REVISTA NOVEMBRO

‘Esto que tienes delante’ foi a carta de presentación de Eladio y los Seres Queridos “posiblemente o mellor dos nosos traballos”, sinala pensativo o artista vigués. O éxito chegaría con ‘Están ustedes unidos’ (2011) e ‘Orden invisible’ (2014). Dous discos que lles traerían moitas alegrías pero que forman parte dunha etapa finalizada. “Despois de ‘Orden Invisible’ quedeime sen nada que contar, nada, cero. Supoño que son procesos que hai que atravesar… entremedias xurdiu ‘Cantares’ que nos serviu para gañar un pouco de tempo.” Ata que un bo día o cantautor Jorge Ojea fíxolle chegar ‘Algún Iluminado’ e a Eladio iluminóuselle o camiño. “A partir dese tema todo foi saíndo, era como ir tirando dun fío”. En ‘Historias de Caza’ contan coa colaboración doutros artistas: Esther Zecco, Pablo Lesuit, Jorge Ojea, Ari Magritte e David Rial. “Sempre fun bastante introvertido neste aspecto. O proceso de composición era algo meu. Pero, neste traballo aprendín a colaborar con outros artistas e resultou moi ben.” ‘Historias de Caza’ está composto por dez temas, nos que dunha maneira bastante “casual”, a natureza é unha das grandes protagonistas “Non buscaba letras profundas nin enrevesadas. Quería estribillos fáciles, que se entendesen. O que máis me preocupaba era a musicalidade. E creo que se escoitas o CD de seguido, esa musicalidade está lograda”. A duración do disco é de trinta minutos, Eladio asegura que poderían ter enchido o disco con 20 ou 25 temas pero non querían que ningunha canción se quedase solapada polas outras, “queríamos que todos os temas brillasen con luz propia e por iso escollemos eses dez”.

“Non buscaba letras profundas nin enrevesadas. Quería estribillos fáciles, que se entendesen”

Costa imaxinalo con 14 anos tocando a guitarra nun grupo Punk. Foi así como se iniciou e xa nunca máis abandonaría a música e os escenarios. Malia ir ascendendo en fama, Eladio considera que pouco lle mudou a vida. Non é raro velo pola rúa ou nalgunha festa nocturna coma un vigués máis. “A xente de aquí xa está cansada de vernos en todas partes… somos os pesaos eses”. Dubitativo acaba admitindo que a música ten sido a súa única forma de vida “Non sempre podo vivir das cancións, pero si da música. Son técnico de son, fago producións… A través da propia música consigo dedicar o máximo tempo posible ao que máis me gusta: facer cancións”. Sen dúbida, esa perseverancia, que el en ton xocoso chama “ser pesado”, é a que en boa parte lle deu o éxito. Porque como el mesmo explica, “para ser artista e perdurar no tempo, tes que estar seguro de ti mesmo e non ter medo a arriscar”.

A entrevista con Eladio non rematou con esta conversa, senón que o músico quixo compartir cos seguidores de A Movida o seu tema máis vigués… Podes velo aquí.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.