CAMELIAS MASCOTAS

Ekain Elorza (Morgan): “Estamos encantados de pasar medio verán tocando en Galicia”

Morgan é, probablemente, a banda con maior crecemento dos últimos anos no panorama musical español. Cando sacaron North no 2016 apenas eran coñecidos en Madrid, e agora, dous anos despois, están a tocar en moitos dos festivais máis prestixiosos do país e enchendo salas nas cidades polas que pasan. Este venres 6 de xullo visitan Vigo por terceira vez para tocar no Escenario Estrella Galicia do Vigo SeaFest, polo que aproveitamos para falar co seu batería, Ekain Elorza.  

Eres un dos tres membros fundadores de Morgan, xunto con Nina e Paco. Vos esperábades este éxito cando comezastes este proxecto alá polo 2012?

Para nada. De feito o proxecto comezou para axudar a Nina (Carolina de Juan, cantante e compositora) coas súas cancións, xa que somos amigos desde hai un montón de anos, despois de que Paco (López, guitarrista) ensinárame algunhas das maquetas que ela fixera. A cousa foi adiante, gravamos un disco e fixemos unhas poucas copias, sen grandes aspiracións. Pero a bola de neve foise facendo cada vez máis grande e nós encantados. Está a ser unha viaxe incrible.

O voso primero disco, North, foi un éxito tanto de crítica como de público, e o mesmo a xira que veu a continuación. Parece que Air vai polo mesmo camiño. Qué diferenzas atopas entre ambos traballos?

A principal diferenza é que North o fixemos nolos tres e Toni Sotos, o noso baixista daquela, e para este traballo xa contamos dende o principio con Ove (Alejandro Ovejero, baixista) e “Chuches” (David Schulthess, teclista). Desta forma tivemos máis liberdade en canto aos arranxos, máis posibilidades.

A outra parte é que a xira de North axudounos a afianzar máis o noso son. Entre os máis de 80 concertos, os ensaios e o convivir na furgoneta fixo que o proceso de xestación de Air fose máis rápido e sinxelo. Dende que Nina trouxo as cancións ata que as deixamos plantexadas pasaron unhas dúas ou tres semanas. Con North estivemos uns dous anos buscando o noso son xuntos. Air ten que ver moito con North, pero é máis nós, nolos cinco, máis Morgan.

“O outro día chamounos o manager e díxonos que íamos pasar medio verán en Galicia, que non deixaban de saír concertos alí, e nós encantados”

En pouco máis dun mes teredes tocado en Santiago, Vigo, Lugo e A Coruña. Que ten Galicia para que veñades tanto?

A verdade é que non o sei, querédesnos moito por aí (risas). Lémbrome dun concerto en A Coruña, un luns, por setembro do 2016, que fora unha das primeiras veces que saiamos de Madrid. Antes de comezar o concerto había unha cola inmensa para entrar, e nós pensabamos “que está a pasar aquí? De onde sae toda esta xente?”

A seguinte vez foi na Sala Radar, en Vigo, e flipamos tamén coa cantidade de xente que había. Coa xira North vimos que por aí había moito movemento e nesta xira estase a confirmar. O outro día chamounos o manager e díxonos que íamos pasar medio verán en Galicia, que non deixaban de saír concertos alí, e nós encantados, canto máis vaiamos mellor. De feito creo que no outono imos volver.

É practicamente imposible encadraros nun só xénero musical. Podería dicirse que esa é unha das claves do voso éxito, a variedade de estilos e rexistros?

Si, hai un pouco de soul, de rock, de música negra, de blues… tampouco lle damos moitas voltas ao que facemos. Cando estamos no local arranxando un tema pois deixámonos ir a onde a canción nos leve. Cada un temos as nosas influencias e gustos, pero sempre hai un consenso entre todos. Non pensamos nunca no xénero.

” A nós danos un pouco igual que nos chamen “banda revelación”, sempre e cando se nos faga un pouco de caso”

Tras uns anos como banda, en ocasións aínda hai quen vos define como “banda revelación”. Estades de acordo con esa etiqueta ou xa está un pouco desactualizada?

É verdade que aínda hai moita xente que nos está a coñecer agora. North tivo un lanzamento pequeniño, sen ningunha campaña de promoción potente nin nada. Esta campaña está sendo algo máis grande e moita xente nos está a descubrir con este disco.

Ao final iso é unha cousa dos medios, a nós danos un pouco igual que nos chamen “banda revelación”, sempre e cando se nos faga un pouco de caso e poidamos seguir facendo o noso camiño pouco a pouco. Levamos moitos anos na música, e poder estar tocando xa é un luxo. Estamos moi contentos no sitio onde estamos.

Tedes tocado diante de enormes multitudes, como por exemplo no  Mad Cool Festival ou no Palacio de los Deportes teloneando a Leiva. Preferides este tipo de concertos ou se goza máis nunha sala pequena?

Nós estamos contentos enriba dun escenario sempre e cando estea soando ben, tanto para o público como para nós. Danos un pouco igual a cantidade de xente que haxa diante. Pode impresionar tocar ante unha multitude, pero por exemplo ao concerto de Radar,  que é unha sala pequena, témoslle moito agarimo. A resposta do público, tan cercana, e ver que reaccionan ao que fas, e aplauden durante as cancións… ponte a pel de galiña.

Imaxino que o que queda de ano o adicaredes a presentar o disco en directo. Tedes ganas de volver ao estudo ou aínda é cedo?

REVISTA NOVEMBRO

A intención é tocar este ano e o que vén enteiros, pero xa estamos falando do seguinte disco, non planificándoo, pero si sabemos que chegará o día que volvamos ao local. A intención está aí, non sabemos cando nin onde, pero existe. Non creo que tardemos moito, o normal. Aínda nos queda unha xira longa. Isto ten que fluír.

Tedes algunha data fóra de España ou a intención de facelo proximamente?

Temos o NOS Alive o 14 de xullo en Lisboa, pero si, intención hai, de saír por Europa este ano ou o que vén. Tamén nos gustaría Sudamérica e Centroamérica, pero non é doado.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.