COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Que está a pasar co festival TerraCeo?

O festival TerraCeo, que se celebra desde hai cinco anos na terraza do Auditorio Mar de Vigo, vén de adiar o concerto de Los Secretos e Pancho Varona do sábado tras facer o propio con Rebeliom do Inframundo hai unha semana. O de Ángel Stanich mantense o venres 31 de maio, pero pasa a celebrarse no hall do recinto.

Ángel Stanich actuando (esta vez si) na terraza do auditorio en 2022 | P. Vázquez

Chove sobre mollado na terraza do Auditorio Mar de Vigo. O festival TerraCeo vén de adiar o concerto de Los Secretos e Pancho Varona deste sábado pola imposibilidade de celebralo na azotea do auditorio. Tamén anunciaron o cambio de ubicación do de Ángel Stanich ao hall do recinto, que mantén a data.

Hai unha semana a banda local Rebeliom do Inframundo tamén pospuxo a súa actuación para o 21 de xuño polo mesmo motivo, e os muradáns The Rapants abriron o festival no interior do Auditorio “debido á falta de permisos por parte da autoridade municipal” para celebralo na terraza, segundo o comunicado do Mar de Vigo. Curiosamente, cando informaron sobre os cambios nos concertos desta fin de semana os motivos foron “problemas técnicos na terraza alleos tanto á banda como á organización“, e non os amentados permisos municipais.

A pregunta é obrigada: que está a pasar co festival TerraCeo? A resposta do Concello de Vigo, principal patrocinador do evento, é a seguinte: “Neste momento estamos coa tramitación da autorización. Está pendente de que o promotor emende a documentación solicitada. En canto o faga tramitarase con máxima celeridade”. Esta mensaxe dá a entender que o erro provén da empresa promotora, o Mar de Vigo, e non dos permisos municipais que mencionaba o comunicado do auditorio hai un par de semanas. O alcalde de Vigo Abel Caballero aínda non se pronunciou ao respecto, sendo fiel a súa estratexia de obviar polémicas propias e reducir ao mínimo as conferencias de prensa como fixo tras a controvertida contratación do concerto de Guns N’ Roses en Balaídos.

Tinariwen en 2023 | P. Cermeño

O propio Auditorio, a priori a principal vítima deste estraño suceso, alega os xa amentados problemas técnicos na terraza e afirma que “continúa traballando arduamente para resolver a situación actual e seguir ofrecendo experiencias musicais excepcionais nos concertos que nos restan por celebrarse dentro desta quinta edición”.

Foi o 11 de maio cando saltaron as alarmas no Mar de Vigo e no edificio do Concello. La Voz de Galicia, cun artículo titulado con boas doses de ironía El Concello de Vigo se prohibe conciertos a sí mismo, publicaba que o Concello informou ao TerraCeo que non tiñan permiso para facer concertos ao aire libre nesa ubicación. A situación vólvese aínda máis marciana cando Abel Caballero acude ano tras ano as presentacións oficiais da programación do festival presumindo da súa calidade e, ademais, sabemos que “un informe da Concellería de Patrimonio sinala que descoñecían que había actuacións nese lugar”.

Lembremos que o TerraCeo se celebra nesa mesma ubicación desde o ano 2020, como resposta municipal á falta de programación cultural en Castrelos e outros espazos por mor da pandemia da Covid-19. Sorprende que empregados municipais descoñecesen, ou afirmen descoñecer, a celebración dun festival con cinco anos de traxectoria nun espazo público.

Abel Caballero presentando a segunda edición do TerraCeo | N. Míguez

A día de hoxe o balance é o seguinte: dos dous concertos que se tiñan que ter celebrado e dos dous que debería haber esta fin de semana, só dous (The Rapants e Ángel Stanich) se mantiveron programados, aínda que con cambio de ubicación (interior do auditorio e hall, respectivamente). Esta foi a mensaxe dos responsables do TerraCeo tras anunciar que mantiñan a actuación de The Rapants: “É importante sinalar que o formato do auditorio non coincide co ambiente festivo que se esperaba para inaugurar a quinta edición de TerraCeo, e que o Mar de Vigo ofreceu esta alternativa como única opción para evitar a cancelación definitiva do concerto”. Preguntados de novo ao respecto, The Rapants remítense ao comunicado do 8 de maio.

Os outros dous, Rebeliom do Inframundo e Los Secretos con Pancho Varona, decidiron aprazar os seus espectáculos: os primeiros para o 21 de xuño e os segundos aínda por confirmar. En todos estes casos a organización do TerraCeo facilitou aos asistentes a devolución dos cartos das entradas a través de info@teuticket.com, xa que entendían que non se estaba a ofrecer o prometido inicialmente.

Salvador Sobral en 2022 | P. Cermeño

Contando os adiados, restan 12 concertos e un monólogo dentro da programación do TerraCeo, dos que non sabemos se finalmente van ter lugar (na terraza ou noutra ubicación) ou se se adiarán ou cancelarán. Como en anteriores edicións do festival, hai varios artistas internacionais no cartel (The Tallest Man on Earth, The Jayhawks, José James e Ziggy Alberts), o que dificultaría o aprazamento deses concertos.

Os dous artistas programados para esta fin de semana emitiron cadanseus comunicados explicando os motivos das súas decisións. Pola súa parte, Los Secretos afirman no seu que “o cambio de ubicación” ao auditorio interior “non foi ben acollido pola xente”, e polo tanto pensan que adiar a actuación era a mellor opción xa que “se perde o concepto de TerraCeo para o que fomos contratados co fin de desfrutar deste fermoso espazo e as súas espectaculares vistas”.

Ángel Stanich publicou nunha historia de Instagram un texto no que di verse abocado “a abrazar a solución de emerxencia que nos ofrece a organización”, que é o hall, especialmente pola “falta de certezas de cando se podería reubicar no exterior”. Ao non poder garantizarlle outra data esta verán na terraza preferiu aceptar este cambio de última hora porque afirma ter moitas ganas de volver a Galicia, na que é a súa única data este ano. “Non quero que se perda no calendario esta data por culpa dun ‘quítame os permisos'”, afirma. Segundo nos confirma o seu manager, a Stanich ofrecéuselle a opción do hall e non a Los Secretos porque o sábado hai programado un evento no mesmo.

31/05 Ángel Stanich (hall)
08/06 Niño de Elche
14/06 Christina Rosenvinge
15/06 The Jayhawks
21/06 Rebeliom do Inframundo
19/07 Luis Zahera e Oswaldo Digón (monólogo)
20/07 José James
21/07 Tarque y la Asociación del Riff
26/07 Los Estanques
27/07 Ziggy Alberts
30/08 Niña Polaca
07/09 The Tallest Man on Earth
TBA Los Secretos e Pancho Varona

SONRIAS
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.