BANNER XERAIS

Editorial Galaxia: 75 anos creando porvir para a literatura e a cultura galega

‘Crear porvir’ é o lema escollido pola Editorial Galaxia para o seu 75 aniversario, que celebran cun programa de máis de sesenta actividades. Exposicións, premios literarios, actividades para a rapazada e foros por toda a xeografía galega ao longo deste 2025.

Deseño de Sara Valcárcel sobre a fotografía da asamble fundacional de Galaxia

A Editorial Galaxia, alicerce fundamental da cultura e da lingua galegas, está a celebrar os seus 75 anos de vida baixo o lema «Crear porvir». Nun extenso programa conmemorativo que inclúe máis de sesenta iniciativas ao longo de 2025, destaca de xeito particular o Premio Galaxia de Novela 75 Anos. O pasado 23 de abril, Día do Libro, anunciouse na sede da editorial, en Vigo, que este galardón, o de maior dotación económica en Galicia, con 25.000 euros brutos, recaeu en Fernando Castro Paredes pola súa novela O lanzador de coitelos. Este premio recupera o espírito do outorgado no 25.º aniversario da editorial, en 1975, que gañou Carlos Casares con Xoguetes para un tempo prohibido. Tal como sinalou Xosé Manuel Soutullo, director da Editorial Galaxia, aquel premio de hai cincuenta anos simbolizaba «a chegada a porto» e a apertura a un novo tempo despois dos difíciles anos da ditadura.

O xurado estivo presidido por Dolores Vilavedra, catedrática e conselleira da editorial, e contou con Marcos Calveiro, director de Edicións de Galaxia, como secretario. Completaron o equipo Ramón Nicolás, escritor, profesor e crítico literario; Tensi Gesteira, xornalista, crítica literaria e colaboradora d’A Movida; e Inma Otero, escritora, profesora e crítica literaria. Unha decisión salientable da editorial foi manter a composición do xurado en segredo ata o momento do veredicto para garantir a súa «liberdade de lectura e de traballo», un precedente que Vilavedra valorou positivamente, xa que lles permitiu deliberar con «moita tranquilidade». Os membros foron seleccionados pola súa profesionalidade, a diversidade xeracional e a pluralidade de puntos de vista críticos.

O xurado do premio: Inma Otero, Marcos Calveiro, Dolores Vilavedra, Ramón Nicolás e Tensi Gesteira | Cedida

A novela gañadora foi eloxiada polo xurado debido á súa «elevadísima calidade literaria». Dolores Vilavedra subliñou que é un texto «escrito de forma brillante que nos atrapa nunha atmosfera desacougante». Aínda que no inicio apunta a un thriller, a novela «encarréirase cara a cuestións complexas» como a memoria individual e colectiva, a liberdade e a identidade nunha sociedade que exerce o control ata extremos humillantes. Articúlase como un «xogo metaliterario e un xogo de máscaras» nos que destacan a sofisticada estrutura, a fronteira entre xéneros, a reflexión sobre temas universais, o uso nada manido de fitos históricos moi coñecidos e a precisión do texto. Para exemplificalo, Calveiro comentou a modo de anécdota que Ramón Nicolás atopou «unha gralla, un castelanismo, na páxina 299», o que demostra o «limpísima» que está a novela. O xurado definiuna como unha «maquinaria impecable que funciona de principio a fin».

O propio autor, Fernando Castro Paredes (Tapia de Casariego, Asturias, 1975), quen xa ten catro obras publicadas con Galaxia —incluída unha merecedora do Premio García Barros—, expresou estar «moi moi feliz» e sentir un «orgullo inmenso» por sumarse á nómina de gañadores deste galardón histórico, especialmente ao cumprir el os cincuenta anos o mesmo ano en que o premio conmemora o cincuenta aniversario da vitoria de Carlos Casares. O libro estará dispoñible para o público xeral a partir do 17 de xullo, cando se presentará de xeito oficial no Hotel Compostela de Santiago, un lugar elixido de modo simbólico por ser onde se celebrou a asemblea fundacional da Editorial Galaxia o 25 de xullo de 1950.

Ao certame presentáronse case unha trintena de novelas. Marcos Calveiro indicou que a extensión mínima e máxima requiridas (de 350.000 a 700.000 caracteres con espazos) buscaba dar visibilidade a «proxectos literarios de longo alento e complexidade que quizais terían dificultades para ser publicados no mercado galego actual». Neste caso, a editorial non tomou a decisión «desde un punto de vista comercial», xa que se trata dun «premio excepcional e, polo tanto, precisa dunha novela excepcional».

Marcos Calveiro, Fernando Castro Paredes, Xosé Manuel Soutullo e Dolores Vilavedra | P. Vázquez

Naquela asemblea fundacional en Santiago hai 75 anos, baixo a presidencia de Ramón Otero Pedrayo e coa presenza de figuras como Manuel Gómez Román, Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto, configurouse o núcleo principal da resistencia cultural e política do galeguismo nun contexto de clandestinidade e exilio tras a guerra civil española. Ramón Piñeiro, que acababa de saír do cárcere, non puido asistir, pero foi unha das tres personalidades clave que orientaron a editorial desde o principio. Galaxia naceu «comprometida coa recuperación da lingua e da cultura galegas nos tempos difíciles da ditadura». Hoxe, 75 anos despois, a Editorial Galaxia, con máis de 3.000 títulos editados, constitúe a referencia histórica da edición en lingua galega, cun catálogo que inclúe desde os clásicos ata as xeracións máis novas de autores e autoras.

O programa Crear Porvir para este 75.º aniversario é moi diverso e inclúe os Foros Grial – Galicia 2050; o Premio Galaxia de Novela 75 Anos e mais o I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil; exposicións itinerantes; o documental Galaxia 1950-2025, dirixido por Ana Viqueira; a recuperación de dez títulos históricos baixo a colección denominada Biblioteca Galaxia 75; actividades e libros para a cativada; celebracións polo Ano Castelao, e un acto central o 6 de setembro no Auditorio de Galicia, en Santiago.

Fotografía da asamblea fundacional da editorial | Cedida

Marcos Calveiro, como director de Edicións, sinala os retos e as metas de Galaxia para o futuro. Ademais de «sobrevivir a este ano» tan intenso en actividades, o obxectivo é «seguir publicando os máis de cen títulos que publicamos cada ano». Tamén fixo fincapé en novas iniciativas como os audiolibros, especialmente audioficcións para público infantil.

Con todo este traballo, Galaxia busca combater o gran problema que asolaga a literatura en galego: a continua redución da base lectora no noso idioma. Actualmente só o 8 % dos libros que se venden nas librerías galegas son en galego, o que afecta ao alcance potencial das publicacións da editorial. Nesta problemática «inflúe moito a situación do galego no ensino, as políticas públicas, as librerías e a concepción que ten da nosa literatura gran parte do lectorado». A pesar deste contexto complexo, Calveiro cre que a nivel creativo é un momento moi bo, coa «incorporación de novas voces á literatura galega, sobre todo voces de mulleres novas».

Marcos Calveiro, director de Edicións de Galaxia | P. Vázquez
REVISTA MAIO
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.