Ed Sheeran bástase el só para coroar o Monte do Gozo
Este sábado celebrouse no Monte do Gozo a xornada grande do Gozo Festival, evento encabezado por Ed Sheeran. Unhas 30.000 persoas desfrutaron do curioso espectáculo do británico, que exerceu de one man band, e do resto de artistas programados: Fillas de Cassandra, Angelina Mango, Mon Laferte, Milky Chance e Bomba Estéreo.
As viguesas Fillas de Cassandra tiveron este sábado o díficil papel de abrir a segunda edición do Gozo Festival ás 17:30. Malia o complicado do horario, unha cantidade importante de xente reuniuse para velas e cantar con elas, o que demostra o gran estado de forma no que están Sara Faro e María SOA na actualidade. A continuación subiu ao escenario a italiana Angelina Mango, representante do país transalpino nesta última edición de Eurovisión. A mexicana Mon Laferte foi a seguinte en saír a escena, quen rematou o seu concerto cunha fermosa versión a guitarra, trompeta e voz de ‘Tu falta de querer’, o seu tema máis coñecido (que conta con máis de 500 millóns de reproduccións tanto en Spotify como en Youtube).
Aos alemáns Milky Chance tocoulles tamén a complicada situación de tocar xunto antes da estrela da noite, co risco que iso supón. Con todo, saíron co mellor dos humores, especialmente o seu líder Clemens Rehbein. O cantante e guitarrista, que tiña un aire ao actor Jack Black se este vivise nun barrio xentrificado de Berlín, bromeu co público sobre o partido do pasado venres entre España e Alemaña, e vaticinou a victoria do combinado español na Eurocopa. O que ofreceron en directo non tiña moito que ver co seu disco máis famoso, Sadnecessary (2013): deixaron máis de lado o indie folk para centrarse nun pop electrónico máis festivaleiro que sentou moi ben ao público asistente. De feito, o seu tema máis famoso (‘Stolen Dance’, billón e medio de reproduccións en Spotify) non foi o máis memorable da actuación, polo que os alemáns demostraron, ou polo menos puxeron todo o seu empeño, que non son un one hit wonder.
Continuando cos anglicismos, chegou a quenda da estrela da noite, do one man band que visitaba por primeira vez terras galegas. Avisáranme de que o músico británico adoitaba tocar el só, sen banda de apoio, pero custábame crer que un artistas con cinco ou seis ceros no seu caché non levase a ninguén con el. Pero así foi. Ás 22:30 Ed Sheeran subiu ao escenario do Monte do Gozo vestido coa camiseta do equipo de fútbol británico Ipswich Town co número 17 á espalda. El só, cun rider que ben podería caber no escenario da sala viguesa Kominsky: unha guitarra, un teclado, dous micros, unha pedaleira e dous monitores.
A partir de aí, a loucura. Sheeran mostrouse amable e comunicativo, polo que non o tivo difícil para gañarse ao público desde o primeiro momento. Tras un dos primeiros temas explicou o funcionamento da súa proposta: todo o que se ía escoitar esa noite era en directo, non había pistas pregravadas. El mesmo encargaríase de facer as percusión, guitarras, teclados e coros a traves dunha pedaleira de loops, que permite ir gravando diferentes pistas unha enriba doutra e alternalas só con pisar uns pedais.
Malia a decepción inicial de comprobar que non levaba banda, non quedou otra que recoñecer o bo desempeño do británico coa guitarra e os pedais. En practicamente ningún momento da noite se botaron en falta eses músicos extra, aínda que sigo pensando que o show melloraría se a proposta dos loops só fose unha parte do espectáculo e non o total. En calquera caso, Sheeran repasou en hora e media todos os éxitos da súa traxectoria, que non son poucos, repartidos nos discos que levan por título os símbolos matemáticos da suma, resta, multiplicación, división e igual. O pesadelo dun filólogo, vaia.
O primeiro hit da noite caeu na terceira canción, e quizais sexa o máis especial do músico de Halifax. ‘The A Team’ foi a canción que o catapultou ao estrelato internacional cando tiña uns 18 anos, pero antes diso perfeccionouna ata o infinito en micros abertos de Londres onde adoitaba tocar para un público non superior a dez persoas. Sheeran recoñeceu que ás veces pecha os ollos e aínda pode ver eses pubs baleiros, e que ao abrilos o contraste coa situación actual prodúcelle unha forte emoción.
Emocionante temén foi o discurso anterior a ‘Eyes Closed’, tema que compuxo tras a morte dun dos seus mellores amigos hai un par de anos. Continuaría con ‘No Diggity’, ‘Thinking Out Loud’ e o tema que lle cedeu “a un amigo canadiense”, ‘Love Yourself’. Ese amigo canadiense non é outro que Justin Bieber. Con esta canción iniciou a denominada “sing along part“, é dicir, o momento do concerto no que encadeou as cancións máis emotivas para que a xente as cantase a todo pulmón. Soaron clásicos das vodas de todo o mundo como ‘Photograph’ ou ‘Perfect’, da que o propio músico dixo que se non sabiamos a letra é que e nos equivocamos de concerto. Fino humor inglés.
Pechou a actuación con outros dous temas icónicos: ‘Shape of You’ e ‘Bad Habits’. Así poñía fin a unha actuación impecable de 16 cancións. O único punto negativo, máis aló da ausencia de banda de apoio, foi o deseño dos visuais das pantallas. Semella que o británico escolleu os grafismos máis feos que atopou no Canva e os colocou un detrás doutro. Estou convencido de que a xente que se atopaba máis lonxe do escenario tería agradecido ver mellor ao seu ídolo nas pantallas e menos efectos de dubidoso gusto.
O cambio de escenario entre Ed Sheeran e Bomba Estéreo fíxose longo, o que se traduciu nunha importante desbandada de xente que deixou o foso preto do escenario medio baleiro. Neste contexto, creo que tería sido intelixente que a organización permitise o paso ao foso do público das gradas para dar unha mellor imaxe. Con este panorama, sumado ao frío da noite santiaguesa, a banda colombiana tiña por diante o intrincado obxectivo de conseguir animar o cotarro. Tardaron, pero conseguiron que o público bailase ao son da súa cumbia/champeta electrónica psicodélica, especialmente cos éxitos ‘To my love’ e ‘Fuego’. A escasa iluminación deste concerto tampouco axudou a que o público conectase, xa que había que esforzarse para distinguir á cantante Li Saumet e ás setas xigantes da escenografía.
No apartado do debe, O Gozo Festival seguiu a mesma estratexia que o seu homólogo O Son do Camiño de que os autobuses deixen aos asistentes a media hora a pé do recinto, tanto á ida como a volta, por unha estrada cortada ao tráfico. Tamén destacou para mal o funcionamento das casetas de devolución de vasos de plásticos, que quedaron sen cartos en efectivo cara o final do festival, cando todo o mundo procede á devolución destes obxectos que, supostamente, deberían servir para reducir a pegada de carbono e non para rabuñar euro e medio a persoas que xa gastaron mínimo cen euros por estar alí. Non debemos esquecer nunca que, malia que sobre o escenario haxa superestrelas da música mundial, as verdadeiras protagonistas deberían ser sempre as persoas que acoden como público.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024