Domingo infindo

Coñecín a Domingo Villar no Vitruvia. Entre os agradables acordes desta cafetería da Alameda, refuxiámonos da calor daquel día de xullo. Quedaramos alí para unha entrevista, eu retraseime uns minutos en chegar e el agardaba por min apurando un café na barra. Decateime axiña de que estaba ante unha persoa tremendamente educada e correcta, desas que nunca fan que te sintas mal.
O que máis chamou a miña atención foi a súa curiosidade. Eu que levaba un bo repertorio de preguntas anotadas na libreta vinme sorprendida falando dos meus propios proxectos e inquedanzas. Domingo non preguntaba con descaro nin atrevemento; todo o contrario facíao desde a admiración e a sensibilidade.
Como resultado daquela conversa publiquei unha entrevista (A Movida, setembro 2019) que iniciaba así: “Pese a ser un dos escritores que máis libros vende, Domingo Villar (Vigo, 1971) destaca por desprender amabilidade e humildade.” Seguramente Domingo se rubozaría ao ver toda a expectación creada arredor da súa figura estes días. Pode que esta característica fose a que o catapultou ao máis alto. Como el explicaba nesta mesma entrevista, foi quen de tirar ao lixo centos de páxinas escritas por non ter a emoción que el buscaba en cada un dos seus traballos. Coma un alquimista, traballaba a escrita a lume lento, volvía unha e outra vez sobre os textos e sempre atopaba como melloralos. A súa honestidade e o seu tesón convertérono nun dos escritores galegos actuáis máis lidos e traducidos.
Hoxe desde unha igrexa ateigada de xente despedimos a Domingo. Mincho marcha, pero o seu legado humano e literario non morrerá nunca. Sorte que tivo con el a literatura galega e sorte que tivemos todos os que o puidemos coñecer de perto.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Su Garrido e as veciñas de Traspielas: «Co meu novo proxecto quero homenaxear as mulleres da miña aldea» - 1 Maio, 2025
- Cynthia Menéndez: «O Vigo industrial é máis significativo e digno que o das luces» - 25 Marzo, 2025
- María Oruña mergúllase na ría de Vigo na súa última novela - 1 Marzo, 2025
- Abre as portas A Nubeira, o novo centro social da cidade - 18 Febreiro, 2025
- Artur Puga, bailarín e músico: «Facer unha foliada en Churruca xa non se ve raro» - 31 Xaneiro, 2025