CAMELIAS MASCOTAS

‘Doc Way’: a webserie que percorre o Camiño Portugués

Cristina Maró percorre os 120 quilómetros a pé que hai entre Tui e Santiago de Compostela na súa nova webserie documental Doc Way para dar a coñecer o Camiño Portugués. Ademais da ruta interior, tamén documenta a costeira que comeza na Guarda, pasando por Oia, Nigrán e Vigo, ata chegar a Redondela onde se unen as dúas variantes.

Durante este percorrido céntrase en ensinarnos o patrimonio cultural, natural, social e local da ruta Xacobea. “É incríble a beleza que temos ás portas da nosa casa e non nos damos conta ata que os peregrinos nolo contan”, sinala Maró. No documental hai imaxes áreas de dron que “son espectaculares” como as da desembocadura do Miño, a costa do Baixo Miño ou da enseada de San Simón.

A rodaxe da webserie foi complicada debido a que se parou o pasado 13 de marzo tras decretarse o Estado de Alarma pola situación sanitaria e non se retomou ata verán. Durante os días de rodaxe, tanto antes como despois do confinamiento, Maró foi compartindo en redes sociais cos seus seguidores a dureza de facer o camiño de Santiago. A presentadora ten Esclerose Múltiple, polo que facer o Camiño é para ela un novo reto de superación na súa carreira. A webserie pode verse tanto en docway.es como na canle de Youtube de Quemasver.

REVISTA NOVEMBRO

Ademais as vivencias do Camiño compártense nas redes sociais de Doc Way en Facebook e Instagram. Nas vindeiras semanas completarase este percorrido con vídeos específicos sobre as localidades polas que pasa o Camiño: Tui, Oia, Nigrán e Redondela, poñendo a énfase na beleza destas vilas nas que pode parar o peregrino a descansar, desfrutando da súa gastronomía e da boa acollida.

O seguinte paso para completar este periplo é gravar o Camiño desde Oporto cunha produtora lusa. “Tiñamos acordado empezar a principios de abril a rodaxe e todo quedou cancelado polo estado de alarma”, laiase a presentadora. “O carácter internacional da webserie, ao igual que o Camiño, fai preciso seguir ampliándoa e convertila nunha serie documental, non só para a rede, senon tamén para a televisión, e que chegue a outros países”, explica. Por iso, os capítulos están subtitulados en inglés, español e portugués.

Polo momento, e ata que a situación non mellore, Doc Way seguirá crecendo pero na casa: “En 2021 gravaremos a Vía da Prata que percorre Ourense ata chegar a Santiago de Compostela”, pasando por lugares tan bonitos como o alto da Canda, Laza, Verín, Allariz, Ourense, Lalín e Silleda, ata volver entrar en Compostela.