Din Matamoro propón no MARCO manter ‘a mirada acesa’
O pasado venres inaugurouse no museo MARCO A mirada acesa de Din Matamoro. Un estudo sobre a cor, simple e á vez complexo, levado a cabo polo pintor vigués nos últimos dous anos. Ademais de grandes obras de cores hipnóticas, etéreas e lisérxicas, tamén atopamos diferentes cadernos, debuxos, probas e obxectos do artista. Estará dispoñible ata o 7 de novembro no primeiro andar do edificio.
Para a súa primeira exposición no MARCO, Din Matamoro (Vigo, 1958) toma como punto de partida unha célebre premisa de Kandinsky: “O branco é un silencio profundo, absoluto, cheo de posibilidades”. Neste aspecto, o artista comenta: “Pinto con luz natural, unha luz que se despraza e cambia. A miña obra pictórica tamén o fai, transfórmase diante de quen a contempla. Hai tempo que comecei desde o branco, do espertar da luz, da cor, para alcanzar o inmaterial”. Esta mostra reúne unha selección da súa obra dos últimos anos, centrada no estudo da cor, acompañada doutras pezas de épocas anteriores que, como todo o traballo deste artista, implica un ensaio sobre a percepción, os seus mecanismos e emocións.
O seu proceso creativo, parsimonioso e aparentemente sinxelo, produce obras en realidade complexas, que precisan dunha mirada atenta para apreciar as súas diferentes capas. “A miña intención era que os cadros fosen etéreos como o esquecemento. Desde o interior da pintura, a luz e a cor movíanse na retina coa súa inmaterialidade ou evanescencia. Esta sensación víaa ás veces, cando chegaba ao estudio descoidado e percibía que eses cadros que rematara cambiaban de tal maneira que os vía coma se fose a primeira vez”, recoñece o vigués.
Por outra banda, atopamos unha ferramenta fundamental para Matamoros, o debuxo. Se na primeira estancia atopamos grandes lenzos de cores infinitas e sen delimitar, na seguinte poderemos desfrutar de pezas menos grandilocuentes pero igualmente interesantes. Cadernos de debuxo, libros pintados, recortes, obxectos de uso diario intervidos polo artista. Nas súas propias palabras: “o debuxo está na mente, na mirada dos días, nos papeis, nos cadernos, nos libros que me serven como un exercicio pictórico de pinceladas, unha obsesión para non perder a axilidade da man, o xogo e a sorpresa, ou como investigación para posibles cambios na representación. Debuxo todos os días coa mirada e a man, co xiro do pulso, a través do cotián”. A mostra estará dispoñible ata o 7 de novembro, aínda que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, deixou caer na presentación a posibilidade de prolongala ata o Nadal.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024