REVISTA MARZO

A áurea mirada de Raniero Fernández

Unha longa existencia permitiulle vivir un noventa por cento do século XX a Raniero Fernández Calvo, que naceu en Vigo en 1909 e finou nesta mesma cidade en 1999. Aínda que a súa ocupación principal foi de xoieiro e ourive, este veciño estaba moi interesado na fotografía, por iso tiraba imaxes da súa contorna para se presentar aos populares certames fotográficos das décadas dos cincuenta e dos sesenta. Pero esas fotos non nacían do xenuíno interese artístico, senón que se creaban segundo os requirimentos de acceso aos premios e, daquela, adoitaban coincidir en motivos e perspectivas coas doutros fotógrafos coetáneos. Co paso do tempo, estes retratos do día a día feitos por un afeccionado á fotografía acadaron un papel testemuñal dunha Galicia en mudanza. Agora, e ata o 2 de xullo, é posible coñecer ese mundo na exposición organizada pola Xunta de Galicia que se atopa no número 160 da avenida da Atlántida, é dicir, no Museo do Mar de Galicia.

Orixinalmente creada para o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e comisariada por Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal, a exhibición Raniero Fernández. O arquivo divídese en dous espazos que permiten conectar a singularidade da obra do fotógrafo coa importancia que as agrupacións fotográficas tiveron no século pasado para os artistas non profesionais. Se ben a idea é coñecer primeiro a obra do vigués, tamén é posible comezar a visita pola sala dedicada á Agrupación Fotográfica Gallega, na que se presentan obras doutros autores do grupo, o que contribúa a contextualizar a arte do momento.

As imaxes son elegantes, inspiradas en referentes como Henri Cartier-Bresson ou Robert Doisneau e compostas segundo as regras clásicas. Para Raniero Fernández, a fotografía cobraba sentido cando retrataba a vida, por iso retratou anécdotas, costumes e eventos como feiras, procesións ou verbenas nas que Vigo asumía un forte protagonismo. Un exemplo é o conxunto de fotos que dedica ao porto da cidade durante as décadas dos cincuenta e dos sesenta do século pasado, onde se observa a posibilidade de analizar as distintas navegacións daquela: por un lado, as turísticas; por outro, as deportivas e, por desgraza, tamén as dos emigrantes. Pero alén do peirao, a cámara de Raniero Fernández visitou as rúas da cidade, as rías de Arousa ou de Muros ou espazos rurais do país, sobre os que deita certa visión idílica que, non obstante, rompe con algunhas imaxes máis crúas nas que se mostra a pobreza que había no campo.

Banner A Movidiña

Pero se hai algo que pode chamar a atención a quen visita esta exposición son as tres series de hórreos, cruces e ourivería que Raniero realizou durante trinta anos cun rigor de arquiveiro e que inclúen máis de catrocentos negativos nalgunhas delas. Os elementos de ouro case seguro os coleccionou para o seu interese profesional como xoieiro, namentres que as dos hórreos e os cruceiros pretendían representar os dous símbolos sobre os que se erixía o pobo galego: o traballo e a fe. O fotógrafo aspiraba a facer coa fotografía un traballo semellante ao feito por Castelao no estudo As cruces de pedra na Galiza, aínda que nunca chegou a acompañar con descricións as imaxes captadas. Cómpre salientar, porén, o feito de que non descontextualizase estes elementos do seu medio, senón que os presentou integrados na paisaxe galega.

No segundo espazo, pódense ver álbums de certames fotográficos e obras de autores como Francisco Losada, Veiga Roel ou Ricard Terré. Adoitaban repetirse temas propios destas xustas como os portos, as escenas costumistas ou os retratos, acompañados de efectos de luz, contrapicados e modificacións no laboratorio. Porén, aínda que o obxectivo principal fose o concurso, o certo é que, como asegurou o fotógrafo catalán Ricard Terré en 1995, estes afeccionados acabaron representando temáticas como a pobreza, o campo ou a emigración e, observados desde a distancia, compoñen un retrato moi interesante, moito menos pomposo ca de outras agrupacións análogas, como a de Cataluña. A actividade da Agrupación Fotográfica Gallega, da que Raniero chegaría a ser presidente, decaeu a partir de 1964 e, con ela, o traballo individual de moitos dos integrantes que retrataron unha época.

Antía Monteagudo
Redactora