CASAACUNHA

Descubrimos o Vigo cultural e rosaliano

Hoxe Rosalía de Castro cumpriría 181 anos. A súa figura é clave no renacer da literatura galega e na reivindicación da muller nos ámbitos culturais. Rosalía viviu poucos anos na cidade olívica pero a súa pegada aínda está latente.

Mural da artista viguesa Vanesa Álvarez na Casa de Galicia en Nova York | Vanesa Álvarez

Con motivo do aniversario da poetisa galega a Oficina de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organizou un itinerario literario polo Casco Vello, con paradas en puntos clave que relacionan a escritora con Vigo. Un paseo pola cidade do século XIX, que estaba a experimentar un forte crecemento industrial e que implicou a aparición dunha nova clase social: a burguesía. Sería esta elite intelectual burguesa a que propiciaría o revivir cultural vigués e tamén, na súa medida, galego. Foi en Vigo onde se imprimiu Cantares Gallegos, obra de referencia de Rosalía. Isto, non foi froito da casualidade senón que foi aquí onde se deron as condicións para se publicar.

Foto de Tamara Novoa

O roteiro saíu da Oliveira, o símbolo por antonomasia da cidade, situado no Paseo de Alfonso. Dende aquí descendeu por Poboadores para introducirse pouco a pouco na maraña de rúas estreitas que conforman o corazón da cidade olívica. A primeira parada foi na praza do Peñasco onde se repasou a historia da cidade e se explicou como de pobo mariñeiro se converteu en cidade industrial grazas á chegada da burguesía. Esta nova clase social vai a ter a súa repercusión tamén sobre a arquitectura da propia cidade e vai impulsar a vida cultural.

Foto de Tamara Novoa

A rúa Eduardo Chao serviu de escusa para falar dunha das familias máis influentes no Vigo da época. A familia Chao estivo ligada á ampliación do porto, á chegada do ferrocarril ou a construción da Escola de Artes Oficios en Vigo. Os irmáns Alejandro e Eduardo Chao tiveron unha estreita relación coa escritora, e si ben Alejandro propiciou a publicación de Follas Novas en La Habana, Eduardo sería un dos impulsores da Imprenta Juan Compañel, onde se imprimiu Cantares Gallegos. De aquí, o camiño dirixiuse a rúa Real onde fixo dúas paradas. A primeira diante do que foi a sede da provincia de Vigo, feito fundamental no desenvolvemento da cidade e na chegada da imprenta.

Banner A Movidiña

Foto de Tamara Novoa

A segunda parada foi diante do edificio da Imprenta Juan Compañel, onde se imprimiu Cantares Gallegos en 1863. Rosalía apostou por publicar en galego, nun dos momentos máis baixos da nosa literatura, habendo en Galiza uns altos índices de analfabetismo. Apostou tamén, por publicar baixo o seu nome sen empregar un pseudónimo masculino como facían moitas escritoras da época, para que a súa obra non fose desestimada polo único feito de ser escrita por unha muller. Cantares Gallegos foi a única obra da que se faría unha segunda impresión estando Rosalía viva.

Foto de Tamara Novoa

Na rúa da Oliva eríxese o edificio do que foi a imprenta de Ángel Lema. Aquí imprimiuse o Faro de Vigo, que sería o xornal impulsado polo sector máis conservador en contraposición do progresista La Oliva que se imprimía na Juan Compañel e que foi durante moitos anos o diario de referencia en Vigo.

Foto de Tamara Novoa

Ascendendo por Joaquín Yáñez xusto antes do arco de Quirós atópase a Biblioteca Juan Compañel que nos seus inicios albergou o antigo casino de Vigo. Jose Ramón Fernández, dono do casino, foi un dos mecenas da imprenta Juan Compañel e por ende da obra de Rosalía. A ruta rematou na Praza da Constitución onde tiña a súa botica José María Chao. Pero máis interesante era o movemento cultural, social e político que se estaba a producir na súa rebotica.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.