CAMELIAS MASCOTAS

Desde Luisiana a San Simón: a música cajun protagoniza o Encordass Fiddle Fest

A Illa de San Simón será o escenario dunha nova edición do Encordass Fiddle Fest que terá lugar entre os días 30 de xuño e 2 de xullo, cuxa principal novidade será contar cun elenco de artistas especializados na música cajun, propia do sur de Luisiana (Estados Unidos).

O Encordass Fiddle Fest converteuse nun evento de referencia no calendario cultural de Galicia como festival especializado en música de corda, fomentando a diversidade e o diálogo entre diferentes tradicións e expresións artísticas, promovendo o patrimonio inmaterial da música popular, o respecto pola natureza e o medio ambiente. A temática deste ano céntrase na música cajun, orixinaria do sur do estado de Luisiana (Estados Unidos). Unha selección de artistas de diferentes nacionalidades, referentes deste estilo musical estarán presentes no festival, tendo como fío conductor os instrumentos de corda aplicados á música de raíz. 

As actuacións musicais terán unha orixinal formulación, nas que será o propio público quen decida que artistas quere ver, dentro dun abanico de pequenos concertos simultáneos distribuídos pola illa nun formato íntimo e acústico, onde primará a proximidade e a posta en valor da contorna. Tras o atardecer, terá lugar no escenario principal do Campo dás Alocucións o concerto final, coa participación de tódolos artistas xunto á Encordass Fiddle Orquestra, con máis de 50 músicos de corda sobre o escenario.

REVISTA NOVEMBRO

Algúns deses músicos son: Bobby Michot (USA), Jock Tyldesley (USA), Vera Van Heeringen (Holanda), Gavin Lewery (U.K), The Flatville Aces (UK), Ernesto Briceño (Venezuela), Iwan Le Gal (Francia), Michael Lucarelli (USA), Bum Ditty (Cataluña/USA), Craig Judelman (USA), Margarida Mariño (Galicia), Hugo Franco & María Pérez (Galicia), Carley Williams (Canadá/UK), Paula Gómez & Xosé Liz (Castela/Galicia) e Abril (Galicia).

Ademais das actuacións en vivo, o festival ofrecerá obradoiros de percusión cajun e bailes de Luisiana. Os visitantes terán a oportunidade de participar activamente, aprender e explorar a súa propia creatividade nunha contorna inclusiva e enriquecedora, gozando da variada oferta gastronómica, cunha degustación a cargo da adega Terras Gauda ou un showcooking patrocinado por Alhambra. Haberá tamén unha posta en valor da contorna, grazas ás visitas guiadas pola Illa de San Simón.

As entradas xa están á venda, ofrecendo abono para os tres días (destinado a músicos profesionais e afeccionados, con clases maxistrais de instrumento) e entrada individual (para o público en xeral) para os concertos do domingo 2 de xullo con prezos a partir de 35€ (transporte en barco incluído). Toda a información poderá ser consultada na páxina web.