‘Desconexión’ e a necesidade de desconectar de nós mesmos
Todos temos a capacidade de ser boas ou malas persoas. Amables ou rosmóns, entusiastas ou pesimistas, soñadores ou gafes. Todos, en maior ou menor medida, temos algo de todo isto. Xurxo Cortázar enfróntanos a esta dualidade a través do espectáculo ‘Desconexión’. Unha obra aceda que nos pon de fronte contra nós mesmos e a nosa bipolaridade. Sábado 19 e domingo 20 na Sala Ártika.
Cortázar dá vida ao individuo 299/1973 FK3 que vive conectado a un semáforo regulando o tránsito de peóns. Cando viste traxe verde é amable e deixa pasar, cando viste traxe vermello é malencarado e manda parar. Un día sofre unha avaría no seu sistema que fai posible que poda desconectar da súa rutineira vida e fuxir cara a liberdade. Máis, neste periplo vaise atopar con diversas situacións que vai ter que resolver coa dignidade que lle permita o feito de ser un monifate sen personalidade definida. Situacións que na súa maioría todos temos enfrontado e que deixan en evidencia as nosas carencias. O monigote do semáforo representa unha sociedade tremendamente insatisfeita que vive engaiolada na cómoda rutina e que cando ten a oportunidade de saír non é capaz tampouco de acadar a ansiada felicidade. Quizais polo simple feito de que a felicidade non está nin fóra, nin dentro. Está no interior de cada persoa.
Xurxo Cortázar é, sen dúbida algunha, a peza clave deste espectáculo. Durante os 75 minutos que dura a obra, Cortázar é a única persoa enriba dun escenario austero. O actor é capaz de recrear situacións do máis diversas sen que apenas mude nada en escena. Un texto moi traballado, no que se nota a man de Santiago Cortegoso (director do espectáculo), ten gran parte do mérito. A sonoridade é outro dos aspectos clave desta obra. Os espectadores, acostumados a recibir a maior parte da información a través da vista, teñen que agudizar os ouvidos para seguir o que está acontecendo no escenario. O pitado dun coche, o barullo dun grupo de escolares que van de excursión, o piar dos paxaros anunciando un día soleado… A través dos sons, cada espectador é capaz de recrear as diferentes situacións que vai vivindo o protagonista. Un exercicio de imaxinación que fai que ninguén vexa exactamente o mesmo espectáculo.
Tamara Novoa
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Abraham Boba: «Gustaríame tocar máis aquí, pero non temos onde actuar» - 26 Xaneiro, 2026
- Un libro pioneiro desvela a orixe das rondallas - 15 Xaneiro, 2026
- Chega ao cine ‘Rondallas’, o filme que avoga polo poder da comunidade - 31 Decembro, 2025
- As rondallas resisten no rural - 26 Novembro, 2025
- Antón Reixa: «Os da movida eramos uns frustrados diso que se chamou a Transición» - 26 Novembro, 2025



