CAMELIAS MASCOTAS

Dálle ritmo á túa vida con Swing On

Empezaron a bailar swing na cidade do Porto hai 12 anos, e pouco tardaron en traer eses pasos enérxicos e cheos de ritmo a Galicia. Falamos de Elena Branco e Jorge Patiño que, primeiro en Bueu, despois en Cangas, e agora en Vigo, rescataron este baile centenario que apenas se practicaba na nosa terra e crearon Swing On.

Elena Branco e Jorge Patiño bailando no peirao | Xabicas

A revista portuguesa Time Out foi a culpable de que Elena Branco e Jorge Patiño probaran sorte nesto de bailar swing. O que comezou como un pasatempo converteuse nunha paixón primeiro e máis adiante nun traballo. En 2014 bota a andar (ou a bailar) Swing On Vigo, despois de dous anos espallando este baile centenario ao outro lado da ría. Baixo ese nome ofertan cursos e organizan eventos de todo tipo: bailes na rúa, concertos, excursións, festivais… Este curso que se inicia agora, repiten con tres clases regulares: Lindy Hop, Solo Jazz e claqué; o primeiro é un baile afroamericano en parella orixinario do Harlem, en pleno auxe do swing nos anos trinta; o segundo vén sendo algo parecido, pero individual, con forte influencia do charlestón; por último, o claqué baséase no movemento rítmico dos pes, xerando un son cos zapatos do máis musical. Ademais destes cursos continuados, haberá obradoiros puntuais tanto de iniciación como para xente que xa ten algo de experiencia na materia. Tras o peche do Almacén Cultural en 2021a súa nova sede pasou a ser Simia, un coworking situado á beira de Churruca.

REVISTA NOVEMBRO
A parella bailando no Salón Regio dentro do festival Swing on the Sea | Sara Pista

“É un baile moi variado, e case sempre que ves a alguén bailar lindy hop faino cun sorriso na cara”, conta Patiño. “A enerxía e a ledicia son as sensacións predominantes, pero tamén hai lugar para o recollemento”, engade Branco. Ademais da parte física do baile, as súas clases tamén se orientan á comprensión e orixes da cultura que hai detrás deste movemento artístico. O contexto social, xeográfico, histórico e racial é básico á hora de valorar a importancia que ten o jazz e o swing na historia da música e da danza. “Hai quen ve este baile como algo antigo ou rancio, pero en realidade se ves vídeos de hai cen anos decátaste de que era algo súper salvaxe e desafiante, case ata punky“, sinalan. A parella responsable destaca que rompen os roles tradicionais, nos que habitualmente o home é o leader e a muller exerce de follower. Aquí todo o alumnado aprende a desenvolverse con soltura en ambos os dous roles.

Este mes veu cargadiño de actividade: o venres 16 ás 21:30 organizaron unha festa de swing, con música en directo de Martín Rigz Swing Trío na sala Molotov; o sábado 17 completaron a semana cun curso intensivo para DJ de swing, en Simia; o xoves 22 as rúas do centro de Vigo vanse encher de baile swing, con bailes sorpresa ao longo do Casco Vello a partir das 18:30; por último, do 26 ao 29 de setembro teñen preparada unha semana de portas abertas a ambos lados da ría: Simia en Vigo e Salason en Cangas. Nestes catro días poderán probar o nivel de iniciación das tres modalidades que ofertan este ano, con final de festa o venres 30 na Sala Kominsky.

Horarios da semana de portas abertas

Simia Espacio. Rúa de Afonso XIII, 9 | info@swingonvigo.com | 687 71 14 36 | swingonvigo.com | @swingonvigo

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.