A Asociación Excultura dálle voz á música underground galega
A comezos deste verán tan particular nacía en Catoira Excultura, unha asociación cultural creada para visibilizar o tecido artístico underground de Galicia. A súa actividade céntrase, até hoxe, na gravación de sesións en directo de músicos e bandas da escena galega, nas que xa participaron tres artistas vigueses: Kings of the Beach, Kaixo e Babykatze.
A cultura non se rende. O verán máis estraño das nosas vidas comezaba e un grupo de mozos e mozas pertencentes a distintas localidades de Galicia, unidos por un compromiso claro coa cultura e a súa relación con distintos ámbitos do “mundillo” -tocando en novas bandas, organizando eventos e traballando no mundo audiovisual- creaban Excultura. Os nomes detrás do proxecto son Guille Figueira, Juan Garrido, Gabriel Gómez, Alexandre Iglesias, Olesya Kanevska, Xan Manteiga, Breo Martínez, Óscar Revillas, Inma Veiga e Manuel Vieites, cuxa pretensión é que isto se manteña e non fique como algo meramente anecdótico.
Polo de agora forman parte desta biblioteca tan ecléctica os directos de Lamprea Explosiva, Kings Of The Beach, Isla Canela, Mariagrep, Sad Damn Hosse Lean, Néboa, Copa Turbo, Lois, Malecho, Moloch, O Portughés e Wave B aka Los Buenos e Las Cruzes. Cada domingo desde mediados de xullo anuncian á banda que actuará na Praia Fluvial de Vilarello, en Valga, e os xoves suben o vídeo á súa canle de YouTube.
Desta forma, o último vídeo foi o do vigués Kaixo acompañado por Royce Rolo e Sam, batería dos Kings of the Beach, banda da que tamén atoparemos un vídeo na páxina de Excultura. Este xoves, ademais, poderemos ver o directo de Babykatze, artista viguesa de orixe arxentina que este ano tamén actuou nos concertos de bandas locais no programa de Vigo en Festas.
Excultura é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo obxectivo principal é visibilizar este tecido cultural underground, moitas veces descoñecido polo público maioritario, onde flúen as sinerxias entre distintas disciplinas artísticas creando propostas orixinais e interesantes. Agardamos con gran interese o que nos teñen preparado para este inverno.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Dez anos do Desafío Boot Camp, a carreira de obstáculos máis emblemática do noroeste peninsular - 13 Setembro, 2024
- Nin Batman quere perderse o 40º aniversario da Orquestra Clásica de Vigo - 10 Setembro, 2024
- Beiramar de fondo: o pasado industrial de Vigo sae á superficie - 29 Agosto, 2024
- 12 festivais para pechar o verán e comezar o outono - 29 Agosto, 2024
- Pantomima Full, La Ruina, Héctor Alterio ou Cayetana Guillén-Cuervo visitan este outono o Teatro García Barbón - 21 Agosto, 2024