Cosmética de pastoreo
Como fai unha vaca pinta cando pasta contenta? «Muu!» Dese son tan característico nos nosos verdes campos nace a marca Muuhlloa. Á onomatopea de muar engadíuselle o h, de herba, e a terminación -lloa, como referencia á comarca da Ulloa, de onde son as catro promotoras destes produtos cosméticos de primeira calidade. Empezamos a pensar que o Mu- tamén fala de muller, desa eterna muller galega que labra a terra e coida dos animais con entrega.
Muuhlloa nace da irmandade de dúas empresas: Milhulloa, da farmacéutica Chus Expósito, a bióloga Carmen Vilariño e a artista gráfica Anxos Ortigueira; e Granxa Maruxa, das irmás María e Marta Álvarez, licenciadas respectivamente en Dereito e en Empresariais, que son fillas da melidense Mary Quintero, recoñecida fotógrafa asentada en Vigo. Ambas as sociedades comungan cunha filosofía cen por cento ecoloxista. Tras anos traballando por separado decidiron unir forzas e coñecementos para lles dar un valor engadido aos produtos primarios da terra, como o leite ou as plantas que nos ofrecen as explotacións agrícolas. Puxéronse ao choio para convertérense en gandeiras, muxir as vacas e formular unha loción corporal composta por un 40 % de leite de vaca fresco. Non hai nada con máis glamour. Unha crema para hidratarmos a pel nesta estación tan fría, aliviando a sequidade das mans despois de tanto xel hidroalcólico. Ademais, tamén cultivan os seus propios pementos de Padrón para facer unha loción capilar densificadora que é cousa máxica. Atrévense coas plantas do mar e engádenlle algas á crema facial rexeneradora. E grazas á ortiga, ao romeu, e á salvia que cultivan, conseguen aceites esenciais cos que crear cosméticos, axudándose sempre dun laboratorio afincado no Carballiño que lles bota un cabo.
Se queremos experimentar estes produtos na propia pel, podemos visitar a web da marca (muuhlloa.com) ou mercar estes cosméticos nas tendas Terrae Orgánica (Venezuela, 76) ou Urbanic (Ronda de don Bosco, 22). Viva a produción de quilómetro cero!
Estela Gómez
Correctora literaria e redactora de contidos
[Este artigo foi publicado na revista A movida de xaneiro 2021 . Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Nove ideas de regalo local - 5 Decembro, 2024
- Triqueta Editora, pequenos grandes lectores - 7 Novembro, 2024
- Newt Crafts, artesanía arraigada - 27 Setembro, 2024
- Éxfico Clothing, recortes con estilo - 16 Xullo, 2024
- Noc Noc Estudio, a moda chama á porta - 21 Xuño, 2024