Conxemar organiza un concurso de bandas con 10.000 € en premios
ConxeFest, Fish & Hits é un concurso musical dirixido a bandas emerxentes de Galicia con máis de 10.000€ en premios. As bandas finalistas terán a oportunidade de mostrar o seu talento na Porta do Sol o 27 de setembro nun evento onde tamén haberá espazo para a gastronomía.
A Feira Internacional de produtos do mar conxelados, Conxemar, fai 25 anos, unha efeméride que non pasará desapercibida na cidade de Vigo e que quere festexar con actividades para todos os gustos e todas as idades. ConxeFest, Fish & Hits é unha desas actividades. Trátase dun concurso de bandas emerxentes galegas, organizado por Conxemar en colaboración co Grupo Radio Vigo, Los 40 Vigo e o Concello de Vigo.
As bandas finalistas poderán demostrar o seu talento nun concerto na Porta do Sol e poderán optar a diferentes premios que suman un total de 10.000 €. Un primeiro premio de 5.000 €, un segundo de 3.000 €, un terceiro de 1.000 € e dous accésit de 500 €. As bandas que queiran participar han de cumprir unha serie de requisitos, como ser galegas, que todos os seus integrantes sexan maiores de idade e tocar as súas propias cancións, non versións doutros grupos.
O prazo de inscrición está aberto desde as 12:00 do 21 de agosto ata as 18:00 do 08 de setembro e pode realizarse a través da páxina web do evento. Un xurado profesional seleccionará cinco bandas entre todas as rexistradas e, posteriormente, serán os seguidores das redes sociais de Conxemar e do grupo Radio Vigo os que, cos seus likes, decidan as tres finalistas.
O 27 de setembro as bandas finalistas actuarán na Porta do Sol nun gran evento onde a gastronomía tamén estará presente. Instalarase unha foodtruck que ofrecerá petiscos con base de produtos do mar conxelados a un prezo simbólico e cuxa recadación irá destinada a fins benéficos. Ese mesmo día, un xurado elixirá á banda gañadora, que terá a oportunidade de actuar o 3 de outubro na Feira Conxemar.
Outras batallas de bandas
Se gostas de descubrir novos talentos e das batallas de bandas, este venres 30 de agosto tes no Parque Forestal de San Miguel de Oia a final de SalvaxeSons, o concurso musical organizado por The Wild Fest. Entre as 19:30 e as 23:00 actuarán Sanny, The Lelly Kelly’s, Law, Superglú e The Broke, e ao remate dos concertos o xurado escollerá o proxecto gañador, que actuará de novo o sábado 31 no festival. A entrada para a xornada do venres é gratuíta.