CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Concurso fotográfico: O Vigo Industrial

O Museo Liste organiza un concurso de fotografía en torno a temática do Vigo Industrial. Tódalas persoas maiores de 18 anos poden enviar as súas instantáneas antes do 24 de abril.

Co gallo da celebración do día dos Museos o Liste organiza a quinta edición do seu concurso de fotografía, que nesta ocasión ten por temática ‘símbolos da industria de Vigo’. O concurso pretende fomentar o coñecemento e a creatividade a través da práctica da fotografía co fin de destacar variados aspectos históricos e etnográficos da cidade. Os participantes poderán enviar un máximo de tres obras antes do 24 de abril.

O tema proposto para este ano refírese ao patrimonio industrial vigués. A industria viguesa constituíu, sobre todo dende o inicio do século pasado, o grande motor do desenvolvemento económico da cidade. As conserveiras e o sector naval foron clave no progreso urbano. Destas e doutras moitas industrias e actividades consérvanse vestixios, ás veces moi familiares na fisionomía da cidade, e outras descoñecidos, conformando un patrimonio industrial do que xa desapareceron unha chea de elementos. Os elementos fotografados deberán estar presentes a día de hoxe na cidade. Han de ser fotografías actuais realizadas ex profeso para o concurso. É imprescindible que xunto cos datos do participante aparezan identificados, coa súa localización, os elementos fotografados.

CAMELIAS NADAL

O gañador do concurso recibirá 200€ en metálico, o segundo e terceiro clasificados recibirán unha figura conmemorativa realizada por unha artesá local. Así mesmo as obras serán expostas durante un período de 30 días na sede da Fundación Liste. A entrega de premios e a inauguración da exposición das fotografías premiadas realizarase o día 17 de maio, “Día das Letras Galegas” a partir das 12:30 h. na sede do Museo.

As fotografías a concurso serán valoradas atendendo, principalmente, a tres criterios:

  • Estético: valorarase a beleza da fotografía e a sensibilidade á hora de recoller certos aspectos que singularicen e dignifiquen o elemento fotografado.
  • Técnico: valoraranse aspectos puramente asociados á técnica desta arte.
  • Documental: valorarase que as fotografías presentadas acaden o valor de documento gráfico como forma de recoller e difundir coñecemento.

Podes consultar aquí as bases do concurso.