REVISTA ABRIL

Concha Velasco: “Enfádome cando escoito a outras cantando La chica ye ye

Aos seus 78 anos Concha Velasco é todo vitalidade. Chega a Vigo dentro da xira de ‘El Funeral’, na que pode que sexa a súa derradeira actuación ante o público vigués. Con esta obra cumprirá os 80 enriba dos escenarios e, aínda que lle costa afirmalo con rotundidade, non volverá participar nunha gran xira coma esta. Só o tempo dirá o que acontece, a moitos cústalles imaxinar ao animal teatral de Concha Velasco lonxe dos escenarios. Pero a actriz valisoletana confésanos que bota en falta pasar máis tempo co seu neto, ao tempo que rememora o ben que o pasan xogando xuntos ao futbolín.

Ten algo de autobiográfico a personaxe de Lucrecia?

Non, nada en absoluto. O meu fillo que é o autor do texto fixo algúns guiños na maneira de falar da personaxe que se parece a miña pero nada máis.

“Eu aínda non morrín, nin teño ganas”

Como ela tamén é unha gran actriz de teatro…

Si, pero ela está morta eu aínda non morrín, nin teño ganas. A historia fala dunha actriz moi famosa na televisión, no cine e no teatro, practicamente esquecida como acostuma acontecer cos grandes personaxes do teatro, do cine e da televisión. Á que se lle fai un velorio nun teatro. Un velorio dirixido polas súas netas moi avariciosas que o que queren é herdar o seu diñeiro. Aparécese a pantasma da morta e comeza a parte divertida. Pero nada que ver comigo ni morrín, nin penso.

Ademais ti tampouco tes sido esquecida, estás aínda moi activa.

Tiven unha operación moi forte fai catro anos que me deixou un pouco tocada. Prohibíronme comer e beber moitas cousas que me gustan pero polo de agora non me prohibiron traballar, daquela aproveito!

As enerxías non mingúan

Non creo que volva facer outra función. Pregúntanme se é unha despedida e pode que o sexa, si. A personaxe se despide para sempre da escena e eu o aproveito. Cando eu remate esta xira xa terei 80 anos, creo que xa merecerei traballar un pouquiño menos.

“Continúan a chamarme e se seguen a encher os teatros”

Nalgún momento tiveches medo de que deixaran de contar contigo?

En España contan máis coa xente maior que noutros países. No meu caso sempre sentín que me deixaron envellecer con dignidade. Por exemplo, en Cine de Barrio en momentos nos que estaba moi mal me trataron con moito cariño e non me fixeron vestir minifaldas ou calzar tacóns se non podía camiñar con eles. Continúan a chamarme e se seguen a encher os teatros.

De feito, o Teatro García Barbón en Vigo estará ao completo na función deste sábado.

Si, grazas tamén a que actúa Antonio Resines están as entradas esgotadas. É un fenómeno que temos que gozar pero que é unha gran responsabilidade.

“Valoro máis que nunca que o público non quede defraudado”

Pero a estas alturas medo xa non haberá.

Valoro máis que nunca que me saia ben a función e que o público non quede defraudado de ter comprado unha entrada con anticipación. Que é unha xenerosidade tremenda por parte deles.

É unha das primeiras actuacións teatrais de Resines.

El tiña algunha experiencia pasada en teatro da que non gardaba moi bo recordo. Pero aceptou esta obra porque lle encantou o texto.

Que tal se lle dá?

Se lle dá fenomenal porque está escrito para el. Fai dun representante de artistas que tamén quere sacar taxada. Interprétao dunha maneira tan espontánea e divertida que non se sabe onde remata a personaxe e onde comeza Antonio Resines.

“Escollo aos directores e se non saben máis ca min teñen que prepararse”

Como levas que che dirixa o teu fillo?

Se non soubera que o fai ben non llo tería permitido, porque a min me dirixiron os mellores. Escollo aos directores e se non saben máis ca min teñen que prepararse.

En varias ocasións tes dito que es unha namorada desta profesión.

Imaxínate a sorte que teño de ter dado vida a personaxes como Marina Pineda, Santa Teresa, Juana de Arco e de todos os personaxes históricos ou literarios importantes que tiven feito o longo da miña vida.

Que queda daquela ‘chica Ye ye’

REVISTA ABRIL

Ao comezo non lle daba tanta importancia porque era unha canción máis dunha película. Pero agora enfádome cando escoito a outras cantando ‘La chica ye ye’, porque ‘La chica ye ye’ foi escrita para Concha Velasco como ‘New York, New York’ foi escrita para Liza Minnelli aínda que despois a teñan interpretado outras.

Algún momento que destacarías da túa carreira?

Dicía Juana de Arco ‘O comezo de tódalas cousas é sempre o máis bonito’. Pero, non teño nostalxia do pasado, só agradecemento.

(GMT+01:00) Teatro Afundación

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.