Concertos, cinema na rúa e monólogos na programación estival do Concello de Baiona

‘Baiverán’ é o programa estival do Concello de Baiona para activar o sector cultural durante os meses de xullo e agosto. Xavier Díaz e Adufeiras de Salitre, Los Motores, Mitic, Xan Veiga ou Avelino González son algúns dos artistas que forman parte da programación.

‘Refúxiate na cultura’ é o slogan co que o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e a concelleira de cultura, Miriam Costas, presentaron esta mañá a programación cultural deste verán en Baiona. “Unha vez saído do Estado de Alarma, e con moita cautela, estamos na obriga de conciliar, promover e impulsar todos os sectores que inflúen no desenvolvemento da nosa vila”, sinalou Gómez na presentación. Co fin de cumprir os protocolos de seguridade todas as actuacións serán ao aire libre, no parque da Palma e na praza Victoria Cadaval de Sabarís e terán lugar de mércores a venres para evitar grandes aglomeracións.

A música é unha das grandes protagonistas da programación. Un total de 21 concertos se desenvolverán en Baiona entre xullo e agosto, destacan a actuación de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre o 23 de xullo, Motores o 30 do mesmo mes ou Mitic o 31. Once proxeccións ao aire libre compoñen o Cine na rúa, que traerá grandes éxitos para ver en familia. Tampouco faltará o humor, catro monologuistas pasarán pola vila baionesa: Vero Rilo o 8 de xullo, Xan Veiga o 22 de xullo, Avelino González o 12 de agosto e Stephy Llaryora o 26 de agosto. Ademais desde a concellería de cultura aproveitan para recuperar unha programación teatral que tiñan prevista para celebrar o Día Internacional do Teatro en marzo e que tiveron que suspender. Trátase de catro curtas teatrais de Paula Sanmartín, Arantxa Treus, Helen Bertels e Marta Pérez que se represetarán no Auditorio V Centenario, rúa Carabela Pinta e o parque da Palma o 4 e 5 de setembro. Pecha a programación estival a celebración da segunda edición do Barbeira Season Fest na praia de Barbeira o sábado 19 e o domingo 20 de setembro.

REVISTA VERAN

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.