O concerto de Slowdive este sábado, antesala do Superbock underfest
O concerto da banda británica Slowdive, este sábado no Mar de Vigo, servirá de antesala do Superbock Underfest que reunirá na cidade a máis de 20 artistas diferentes entre o 23 e o 24 de marzo. A actuación estrela deste festival é a do londiniense Benjamin Clementine, o sábado 24 no Auditorio Mar de Vigo.
Slowdive, a banda que se popularizou na década dos noventa con traballos como ‘Just for a day’ (1991), ‘Souvlaki’ (1993) e ‘Pygmalion’ (1995), recalará este sábado en Vigo en medio da súa xira europea. Tras 20 anos sen tocar xuntos, os británicos están a presentar o seu novo traballo. O concerto, que contará con Dead Sea coma teloneiros, servirá de presentación do Festival Superbock Underfest que se celebrará entre o 23 e o 24 de marzo en diferentes espazos da cidade nos que actuarán máis de 20 artistas galegos, portugueses e internacionais.
Vigo converterase en capital da música alternativa coa chegada deste festival. A organización, que apostou por Vigo pola súa “capacidade musical”, agarda que este evento se converta nunha cita anual e pase a formar parte do circuíto europeo de festivais de música indie. Nesta primeira edición están confirmados Myles Sanko, Simian Mobile Disco DJ set, Kin Khan & BBQ Show, Rex the dog, Australian Blonde, Romare, Capsula, Fuckaine, Toulouse, Soledad Velez, Basanta, Presumido, Granfather’s house e Mounqup. A falta de novas confirmacións, a actuación do inglés Benjamin Clementine o sábado 24 no Mar de Vigo é o prato forte do evento. Presentará o seu derradeiro traballo ‘I tell a fly’, un disco autoproducido que nos presenta a súa versión máis persoal.
Outra característica do festival é que as actuacións terán lugar en diferentes espazos da cidade. Ademais de no Auditorio do Mar de Vigo, haberá concertos na Sala Masterclub, La Iguana, Fábrica de Chocolate, Magnética, Goma Loca, Mondo, La Casa de Arriba e o Mogambo. Os abonos para o festival teñen un prezo de 30€ e dan acceso a tódolos concertos, incluído o de Slowdive esta fin de semana.