REVISTA NOVEMBRO

María Xosé Queizán estará recitando este sábado na 14ª edición do Festival Kerouac

A poesía volverá encher varios espazos da cidade na 14ª edición do Festival Kerouac que entre o 24 e o 26 de outubro traerá a Vigo a poetas como Ana María Caballero, Elisa Scarpa ou Xiana Arias; tamén estará recitando versos a viguesa María Xosé Queizán.

As orixes do festival Kerouac están nos micros abertos que Vanesa Álvarez e Marcos de la Fuente organizaban nos pubs da rúa Irmandiños. Quince anos despois, o festival Kerouac asentouse como o festival poético de referencia na nosa cidade e instarouse tamén en outras urbes como Nova York e Cidade de México. O propósito segue sendo o mesmo: sacar as palabras dos libros e levar a poesía a rúa e mesturala con música, arte, expresións corporais e calquera forma de expresión artística. A 14ª edición do festival Kerouac dedicada as mariscadoras, poetas do mar, propón tres xornadas de poesía na Escola Oficial de Idiomas, no Corte Inglés e no Museo Marco.

O evento arranca o xoves 24 na Escola Oficial de Idiomas cun concerto de jazz gratuíto que contará co músico Sunil López ao piano e o poeta Marcos de la Fuente recitando. Ademais, o alumnado da escola traducirá en directo a varios idiomas poemas do propio de la Fuente, na que será a presentación coral en Galicia do seu novo proxecto Águilas en las manos. Este ano o festival cambia a cafetería do Corte Inglés pola marquesina emprazada na Gran Vía; desde o inicio un dos obxectivos dos seus organizadores era achegar a poesía á rúa e así o farán este venres a través dun nutrido grupo de poetas que van facer soar os seus versos ás portas do gran centro comercial. Unha ampla representación do panorama galego con nomes que van desde Alicia Louzao a Xan Martínez ou Nila A. Pousa, mestúrase coa intérprete lisboeta Elisa Scarpa nun poderoso espectáculo de música e palabras que oscilará entre as reivindicacións pacifistas e a homenaxe poética á as mulleres do mar.

A última xornada do festival celebrarase o sábado no Museo Marco. A poesía urbana de Desatado, que navega entre o recitado e o rap, porá o ramo ao evento. Pero antes, podemos gozar da proposta posmoderna de Clo Plas, un artefacto sonoro-poético coa voz da poeta Xina Arias e as construcións sonoras do artista Berio Molina. Tamén o poeta e director do festival de poesía de Ourense, José Lameiras, que mestura poesía recitada e música en directo, acompañará a súa proposta con potentes visuais de estética pop. Ana María Caballero defende o poema como unha obra de arte que expón, non só en museos de todo o mundo, senón tamén en galerías dixitais a través da tecnoloxía Blockchain. Nesta sesión tamén poderemos escoitar os versos dunha das persoas referentes da literatura galega: María Xosé Queizán.

14 FESTIVAL KEROUAC VIGO

Xoves 24 Outubro
19:00h
Entrada de balde ata completar aforo.
Escola Oficial de Idiomas.
Poetry in translation : Jazzpoetry
Sunil López e Marcos de la Fuente presentan “Águilas en las manos”, que será traducida en vivo polo alumnado da Escola Oficial de Idiomas.

Venres 25 Outubro
19:00h
Entrada de balde ata completar aforo
El Corte Inglés. Marquesina de la Gran Vía.
Elisa Scarpa (Lisboa)
Alicia Louzao
Ana Corzo
Dula Piñeiro   
Xan Martínez
Queco Fresco
Miguel Cuña
Benito Piñeiro
Aarón Franco
Elena Lameiro
Xoán Pedreira
Nila A. Pousa

Sábado 26 Outubro
19:00h
Museo MARCO
Entrada 10€
En taquilla o anticipada en Eventbrite.
Desatado (León)
Clo Plas – Xiana Árias e Berio Molina –
Ana María Caballero (Miami)
José Lameiras
María Xosé Queizán