Concerto de piano e voz para homenaxear a Rosalía de Castro
Este mércores 6 ás 20:00 terá lugar no Auditorio do Concello a estrea nacional de A Rosalía, un concerto a piano e voz a cargo da pianista Rosa Torres-Pardo e da actriz Lucía Álvarez. Unha fermosa homenaxe á poeta galega e á influencia que exerceu sobre Federico García Lorca.
A pianista Rosa Torres-Pardo, Premio Nacional de Música en 2017, e a actriz Lucía Álvarez estrean no Auditorio Municipal do Concello a súa particular homenaxe á poeta Rosalía de Castro. Un dos aspectos que queren destacar é a faceta de Rosalía como música, xa que a famosa escritora tamén tocaba diversos instrumentos.
Neste monólogo a dous, o piano de Rosa e a voz de Lucía trazarán un percorrido vital de Rosalía, pasando pola súa parte romántica, pola emigración e pola súa morte. Tamén haberá espazo para os seis poemas que Federico García Lorca escribiu en galego, poeta moi influenciado pola obra e a figura de Rosalía. Música e poesía están moi ligadas na obra destes dous grandes autores.
Nun xogo escénico onde os roles se invirten e mesmo se suman, o piano comeza a recitar onde a poesía faise música, dando lugar a este orixinal concerto. Ademais, Vigo supón unha localización importante na vida da escritora, xa que foi aquí onde se imprimiu a primeira edición de Cantares gallegos, obra iniciadora do Rexurdimento e poemario referente do romanticismo galego e estatal.