REVISTA ABRIL

Vigo celebra a Rosalía de Castro

O 24 de febreiro Rosalía de Castro cumpriría 181 anos, para conmemorar o aniversario da que é a mellor poetisa da nosa terra, celebraranse en Vigo diferentes actos na súa honra.

REVISTA ABRIL

O xoves terá lugar a presentación do libro ‘Rosalía de Castro e o poder sexual’ de María Xosé Queizán. No acto, que se celebrará na Biblioteca Central, intervirán a autora e Marga Doval. Rosalía reflectiu na súa obra, tanto poética como narrativa, a sedución, entendendo esta como o poder sexual que os homes exercen sobre as mulleres. Neste libro María Xosé Queizán reúne sete ensaios de temática rosaliana, dende o introdutorio, que lle dá título, no que se estuda o carácter feminista de toda a obra rosaliana, pasando polos que abordan o amor e o suicidio na obra poética, até os dedicados á súa consideración a través da historia e á persecución que sufriu no seu tempo. Complétase o libro con media ducia de poemas e dous relatos nos que Queizán homenaxea a nosa primeira escritora.

Tamén haberá actividades para os pequenos da casa. A libraría Libros para Soñar, ubicada no casco vello de Vigo, quere achegar a figura de Rosalía de Castro aos máis cativos co recital de poesía ‘Con Rosalía, celebramos a poesía’. O evento terá lugar na propia libraría a partir das 18:30 do venres.

O sábado pola mañá a Oficina de Normalización Lingüística do Concello organiza un paseo literario polo Vigo de Rosalía. A ruta parte ás 11 da mañá da Oliveira do paseo de Alfonso e percorre puntos crave do Casco Vello vencellados coa autora: Praza do Peñasco, Rúa Chao, Rúa Real, Rúa Oliva, Biblioteca Juan Compañel e Praza da Constitución. As camiñanatas servirán para coñecer a cidade no século XIX, os cambios sociais e políticos producidos tras a Reconquista e valorar o esforzo dunha elite intelectual viguesa que se ofreceu á cultura. Un paseo polo Vigo dos nosos devanceiros que axudará a completar o relato de cidade traballadora e industrial, xa que Vigo tamén foi, e é, cidade cultural.

(GMT+01:00) Biblioteca Juan Compañel

(GMT+01:00) Olivo de Paseo Alfonso XII

(GMT+01:00) Libros para soñar