Cinco motivos para non perder o Festival Creativa
Un dos eventos máis divertidos e orixinais da cidade, o Festival Creativa, celebra este venres 25 e sábado 26 a súa terceira edición cunha chea de actividades de todo tipo repartidas entre Galería Maraca, os antigos Cines Vigo e a praza do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, todo ben cerquiña. Aquí vos deixamos algúns motivos de peso para non perder o considerado mellor festival de Galicia polos Premios Paraguas.

Exposición de Genie Espinosa – Desde o venres ás 19:30 h en Galería Maraca
A barcelonesa Genie Espinosa é unha das ilustradoras e autoras de cómic máis destacadas do Estado. A Creativa trae unha exposición que nos introducirá no seu universo creativo, cheo de personaxes femininos poderosos, realidades distorsionadas e escenarios que mesturan o onírico co distópico.
Charla de Le Petit Patito – Sábado ás 13:00 h en Galería Maraca
Laura Pato, arquitecta e debuxante ourensá, é un dos pratos fortes do festival. Alén do seu traballo como ilustradora, Pato é famosa en redes sociais polo seu humor acedo e irónico dirixido, especialmente, contra o cada vez máis ridículo mercado inmobiliario.
Charla de Mario Eskenazi – Sábado ás 16:00 h nos Cines Vigo
Por proxectos icónicos como Banco Sabadell ou o metro de Barcelona, Eskenazi é un referente indiscutible do deseño gráfico. O arxentino, radicado en España desde a década dos setenta, recibiu o Premio Nacional de Deseño no ano 2000.
Concertos – Sábado na Praza do COAG e no Cine Vigo
Creativa tamén é música. Ademais de varias sesións DJ, a programación musical deste ano está formada por Visera (ás 13:30, COAG), divertido dúo de post rock formado por Alberto Brandón e Óscar Roal que ofrece o seu primeiro concerto; Manu G. Sanz (17:15 h, Cine Vigo), ecléctico músico vigués de longa traxectoria que militou en Selvatica ou Indómitos; e Nutrias (18:30 h, COAG), grupo de rock alternativo e pop formado por vellos coñecidos do underground galego.
Mercado gráfico e de autoedición – Sábado de 11:30 a 19:30 na Praza do COAG
O evento estrela do festival, o que máis xente reúne ao longo do día, é o mercado gráfico e de autoedición. Unha selección de case cincuenta proxectos interesantes que inclúen fanzines, estampas e unha serie de artefactos relacionados coa ilustración e o mundo gráfico. Un lugar ideal para socializar e descubrir novas propostas artísticas galegas.
PROGRAMA COMPLETO
Venres 25
18:30 h no antigo Cine Vigo – Contacontos Bob del revés
19:30 h na Galería Maraca – Charla de Genie Espinosa
20:30 h na Galería Maraca – Concerto de Belish + Iseefaces
Sábado 26
11:00 a 14:00 h Intervencións en directo de artistas en diferentes comercios do barrio: Agustina Shuan en Srta. B; Nuvi & Éxfico en Rayo Verde; Sandra Lodi en Flamingos Vintage Kilo; e Roberto Argüelles en Discos Elepé.
11:00 h en Kame Comics – Taller de creatividade para público infantil, impartido por Cristina Sardá. Precisa inscrición aquí.
11:00h na Galería Maraca – Charla con Brosmind
11:15 h na Praza COAG – DJ Quereizaeta
11:30 a 19:30 h na praza COAG – Mercado gráfico de ilustración e autoedición
11:45 h no antigo Cine Vigo – Charla de María Gómez
12:00 h na Galería Maraca – Charla con Up & up /Lucía Zapata
13:00 h no antigo Cine Vigo – Espectáculo de Marinita y sus Maromas
13:15 h na Galería Maraca – Charla de Le Petit Patito
13:45 h na praza COAG – Concerto de Visera
14:15 h na praza COAG – DJ Sofiestas
15:30 h na Galería Maraca – Charlas Maraca
16:15 h no antigo Cine Vigo – Charla de Mario Eskenazi
16:30 h na praza COAG – DJ Rapante
17:15 h no antigo Cine Vigo -Concerto de Manu G. Sanz
18:00 h na Galería Maraca – Charla de AR/DE
18:15 h no antigo Cine Vigo – Mesa de arquitectura
18:30 h na praza COAG – Concerto de Nutrias
19:15 h no antigo Cine Vigo – Presentación do libro de Raquel Peláez
19:00 h na Galería Maraca – Charla de Diego Feijóo
19:30 h na praza COAG – DJ
20:00 h h na Galería Maraca – Charla de Javirroyo vs. Javier Jaén, los otros Javis