CAMELIAS MASCOTAS

Cinco concertos e espectáculos infantís en Castrelos

Xa son varios os concertos que puidemos ver este verán en Castrelos, pero aínda están por comezar os diferentes espectáculos infantís que hai programados do 30 de xullo ao 7 de agosto. Un total de cinco actuacións que de seguro farán vibrar aos máis pequenos.

CHUMI CHUMA – Martes 30 de xullo (19:30)

Chumi Chuma é un proxecto musical formado por Alberto Rodrigo (Chumi) e un cíclope xigante con cornos (Chuma). Amparado polo grupo Vetusta Morla (de feito o seu único disco saíu co seu selo discográfico Pequeño Salto Mortal), a súa proposta tenta unir o mundo adulto co infantil, é dicir, letras didácticas e divertidas para todos os públicos cunha música moi coidada, mesturando xéneros como o rock n roll, o blues, o western, o swing, a electrónica ou o country.

QUEENMANÍA – Sábado 3 de agosto (20:00)

A segunda xornada será para QueenManía, outro dos moitos tributos á banda británica Queen, aínda que neste caso dirixido ao público máis novo. A banda de orixe italiana formouse no 2006 por catro apaixoados de Freddie Mercury e compañía, que desde hai anos recorren Europa rememorando a música da raíña alá por onde van. Ademais de facer un percorrido polas súas cancións máis famosas, o espectáculo conta cun narrador que vai repasando os fitos máis relevantes da historia da agrupación

O REI DA SABANA – Luns 5 de agosto (20:00)

O Rei da Sabana é unha adaptación ao galego da mítica película de Disney O Rei León, onde medio centenar de persoas, entre as que figura un coro formado por trinta voces, tomarán o escenario de Castrelos para recrear as aventuras de Simba e compañía. É un espectáculo de dúas horas de duración que vén de ter moito éxito noutras zonas de Galicia, no que se mesturará o teatro, danza e música nunha perfecta simbiose para todos os públicos. 

SHREK O MUSICAL – Martes 6 de agosto (20:00)

REVISTA NOVEMBRO

Ao día seguinte visitará novamente a cidade o ogro máis famoso da historia do cinema, esta vez cambiando o Auditorio Mar de Vigo polo de Castrelos. Falamos de Shrek O Musical, unha adaptación da mítica saga de Dreamworks con diálogos e cancións na nosa lingua, música en directo e dirixida a un público familiar, que fará gozar tanto a maiores como a pequenos. A historia de Shrek, a pesar de estar ironicamente situada nun mundo de princesas, fadas e dragóns, fuxe deses convencionalismos tan propios da literatura infantil, insistindo na importancia de ser diferente e de quererse a un mesmo a pesar das nosas peculiaridades ou defectos.

SUPER WINGS LIVE SHOW – Mércores 7 de agosto (20:00)

Super Wings Live Show traerá o mércores o espectáculo musical en vivo da exitosa serie de Clan TV, un show creado para gozar en familia, onde a música, a diversión e a participación son os protagonistas. O público vivirá a experiencia de adentrarse no mundo Super Wings cunha visita ao Aeroporto Internacional, a súa base de operacións. Jett, Dizzy, Donnie e Jerome montaron unha gran festa para recibir a todos os nenos e nenas, a que tamén estará invitada Sky, mestra de cerimonias e controladora aérea do Aeroporto.

(GMT+01:00) Parque Castrelos

(GMT+01:00) Parque Castrelos

(GMT+01:00) Parque Castrelos

(GMT+01:00) Parque Castrelos

(GMT+01:00) Parque Castrelos