VIALIA
bannerPicnicSesions

Ciencia punteira que sae á rúa

No alto de Marcosende, eríxese o Centro de Investigacións (CINBIO), cuxo edificio pode que pase desapercibido no medio do complexo universitario, mais abrangue un equipo que compite a nivel mundial na investigación de nanomateriais e biomedicina.

Este mes, o persoal investigador deste centro saen á rúa para que os poidamos coñecer de primeira man o que alí dentro se cociña. Ademais, aquelas cabezas curiosas que se queiran adentrar nun auténtico laboratorio, teñen a oportunidade de facelo nos corredoiros deste edificio o venres 14. Cóntanos o director do CINBIO (cofinanciado con fondos FEDER ), Miguel Correa, que a experiencia foi moi gratificante en edicións pasadas: «A xente sorprendíase ao saber da relevancia do centro; foi unha experiencia moi enriquecedora e divertida».

Ademais de explicar os proxectos aos que se dedican, os membros do equipo investigador dispoñen dunha serie de pasatempos para facer máis amena a visita. Os participantes destas xornadas poden ver como os científicos e científicas investigan o ADN para, por exemplo, avanzar no diagnóstico de enfermidades raras.

Neste centro tamén se desenvolveron sensores para o cancro, porque un dos obxectivos principais que teñen estes investigadores é crear sinerxías entre os ámbitos en que traballan. Tal como explica Correa: «Os nanocatalizadores, que serven para desenvolver novas fontes de enerxía, para producir metanol ou hidróxeno, estámolos empregando tamén na biomedicina, pois teñen efecto en certas terapias de tumores ou terapias de diagnóstico». E subliña: «A investigación é necesaria para estar onde estamos». A ansia por investigar foi a que levou a varios grupos de científicos a unirse hai unha década na procura de financiamento para crear un centro que hoxe en día é todo un referente. Para achegarse á rúa, o centro creou o programa «Ciencia con C de CINBIO», que na edición deste ano se desenvolven durante o mes de outubro.

CIENCIA CON C DE CINBIO

Talleres divulgativos en institutos

Desde a última semana de setembro, organízanse obradoiros científicos en dez institutos públicos para achegar a disciplina científica ás aulas de secundaria. O obxectivo é espertar vocacións entre a mocidade da contorna, así como tamén para dar a coñecer de primeira man a o traballo que se fai neste eido sen saír da cidade. Entre estes institutos, sortéase unha visita guiada ao CINBIO.

Divulgación científica para maiores de 65 anos | Luns 3, martes 4 e venres 7

Obradoiros para achegar a investigación ás persoas en idade de xubilación, dándolle especial importancia á ciencia adaptada ao autocoidado. Este programa inclúe unha visita específica ao CINBIO.

Ciencia na rúa | Venres 7, das 16:30 ás 20:30 h

REVISTA ABRIL

O persoal do CINBIO dispón dunha carpa diante do MARCO, na rúa do Príncipe, para informar sobre o centro e ofrecer pasatempos, tales como unha pequena xincana científica ou xogos de preguntas e respostas, con diferentes agasallos como premio.

Xornada de portas abertas | Venres 14, pola tarde

O centro abre as portas para unha visita dirixida ao público en xeral. Arredor de 70 persoas de todas as idades poden visitar os diferentes laboratorios e participar en experimentos organizados polo equipo investigador. Simultaneamente, a CRTVG programa unha edición monográfica sobre o CINBIO, no programa Efervesciencia (Radio Galega), con Manuel Vicente, ao que se pode asistir como público. A visita inclúe un pequeno catering e unha pequena xincana científica. Para participar nestas actividades, é necesario inscribirse a través da web cinbio.es/cienciaconcdecinbio.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.