Chus Lago: «A determinación de querer facer unha expedición é o adestramento máis importante»
María Jesús Lago Rey recíbenos na súa casa, situada na ladeira pola que gabea o monte Vixiador, no que a alpinista se iniciou e no que hoxe adestra de xeito habitual. Lago foi a primeira muller de España e terceira no mundo en ascender o Everest sen osíxeno artificial, mudou as montañas polas expedicións polares e en 2009 sorprendeu cunha travesía de 59 días na que alcanzou o Polo Sur. Con 54 anos acabados de facer, tras ter ascendido aos cumios de medio mundo, Chus Lago está decidida a facer chegar unha mensaxe: o cambio climático é unha realidade que está a destruír o planeta. Con ese obxectivo agora está a atravesar os case 700 quilómetros de xeo do ollo azul de Siberia, o lago Baikal.
Temos entendido que as túas primeiras experiencias na montaña foron precisamente aquí, no Vixiador.
De pequena viña ao Vixiador con meus pais e meus irmáns case todos os domingos do verán e na primavera para comer. Con 11 anos apunteime á sección de montaña da escola e, casualidades da vida, era este o primeiro monte ao que se viña coa tarxeta federativa e a mochila. Sentinme coma na casa.
Como decidiches facerte alpinista?
Eu sempre fun montañeira, estaba moi claro. Foi algo moi natural. Do Vixiador ao monte Alba ou ao Galiñeiro, de aí ao monte Xaxán, aos Ancares, ao Caurel, á Pena Trevinca, aos Pirineos, ás montañas palentinas… todas as cordilleiras da Península. Logo a Francia e despois á cordilleira Branca do Perú, á cordilleira Real de Bolivia, a África… É como subirse ao mundo nunha escada desde a que ver cada vez un pouco máis.
É posible dedicarse profesionalmente ao alpinismo?
É moi difícil. Hai xente que o fai e hai xente coma min que decide non facelo.
Por que decidiches non facelo?
Porque son máis libre. Cando tes un patrocinador, tes case a obriga de estar en constante exposición ao público, con retos de altura. Quero ser eu quen marque os meus niveis de esixencia e ir a calquera montaña ou expedición porque quero estar aí. Teño visto xente véndose obrigada a facer cousas, iso ademais de desagradable é perigoso.
É difícil compaxinar o alpinismo coa vida persoal?
Unha expedición non empeza o día que colles o avión e estás dous ou tres meses fóra da casa. Unha expedición empeza no momento no que decides que vas ir. Se traballas, o tempo que che queda é para adestrar, iso significa que tes que comer ben, hai certos hábitos que non podes ter, tes que deitarte cedo se queres render ao outro día. Tes que renunciar a moitas cousas no camiño, por iso acabas conformando un estilo de vida. Non es alpinista os meses que marchas, senón todo o ano.
Cal foi a expedición que máis impacto che causou?
A miña primeira expedición á Antártida no 2004 supuxo un punto de inflexión. Ocorreu algo curioso, eu ía para escalar unhas montañas, e non foi ata que acadei a cima desa montaña que me decatei de que estaba rodeada polo deserto polar. Entón sentín curiosidade por facer unha expedición polar. Así xurdiu a miña expedición en solitario á Antartida.
Nesa expedición polar viviches unha das experiencias máis duras da túa vida, non?
Sen dúbida. Nas montañas hai momentos puntuais duros, arriscados… pero nesa expedición non tiven un instante de paz. Era moi esixente a nivel físico e mental. O certo é que o risco nunha expedición polar é previsible, pero a monotonía da paisaxe e a constante néboa fan que pareza te estás a mover todo tempo nunha burbulla. A incerteza de se esa sombra que ves é un oso polar ou unha alucinación… Foi durísimo.
Compensa?
Absolutamente. Eu non perdín nada nas expedicións. Deixei de facer moitísimas cousas, pero ao cabo ninguén me obrigou a iso, é unha elección persoal e todo o que quedou polo camiño ben quedado está. Que foi duro? Moito. Pero é a vida que elixín. Para ir neste globo arredor do mundo tiven que botar moitos sacos pola borda, pero iso foi o que me permitiu estar aí arriba, flotando.
Consideras que o tiveches máis difícil polo feito de ser muller?
Creo que hai homes fortes e mulleres fortes. Non creo que o tivese máis complicado fisicamente. De feito, o día que acadei a cima do Everest só eu o fixen sen osíxeno, o resto eran homes e botaron man del. Socialmente si que é máis complicado. Chega un punto no que che empezan a dicir que fai unha muller coma ti, con tanta liberdade, percorrendo o mundo e facendo cousas que non están feitas para nosoutras. Iso si que o percibín, e moito.
Como naceu Compromiso con la Tierra?
Despois de ter visto tantas cordilleiras no mundo, tantos glaciares que ían en retroceso sentín o deber de facer algo máis, alén do deporte e do individual. Apetecíame estar nun proxecto de mulleres, porque nunca estivera nunha expedición feminina. E que todas tivésemos claro que iamos levar a bandeira do cambio climático.
Por que decidistes que fosen 1500 quilómetros?
Ao primeiro pensei en 1000 quilómetros, un número redondo. Pero logo vin que ía quedar moi curto. O lago Baikal ten 650 quilómetros e considerando que Baffin (O Canadá, 2017) foron 150 quilómetros e a expedición a Laponia foi de case 300 quilómetros, o proxecto remataba moi cedo. Temos moitas ideas de futuro.
Como decidides os lugares?
Por interese. O lago Baikal namorounos. A meirande reserva de auga doce do planeta, a súa profundade, que conta cunha fauna característica propia, como a foca do Baikal. Cremos que é importante poñer a atención nel porque é o máis profundo, o máis antigo e ten unha importancia vital para o planeta.
Nesta ocasión son case 700 quilómetros, moitos máis que nas anteriores expedicións. Como o afrontades?
Temos a dinámica moi interiorizada. Demos cun sistema no que cada unha ten un espazo que ocupar, sabemos que van pasar cousas e que non sempre imos estar co mesmo humor, non sempre estaremos a gusto puxando pola zorra… Pero confiamos na cohesión do equipo.
Como vos preparades psicoloxicamente?
Levamos desde 2015 preparándonos. Saímos de traballar, temos as nosas obrigas particulares, pero dedicamos o resto do tempo para adestrar. A determinación de querer facelo é o adestramento mental máis importante. Por suposto que tamén axudan as expedicións previas, a experiencia…
Tes comentado como puideches ver o cambio climático por ti mesma. Dásnos algún exemplo de algo ao respecto que che causase impacto?
Baffin, Grenlandia, ou mesmo Os Pirineos, glaciares dos Alpes e as neves de Galicia. Esperas por temperaturas que nunca chegan. Os glaciares aos que volves por segunda vez en cinco ou dez anos retroceden ata o punto de ver as marcas das rochas. Grenlandia foi o máis sorprendente neste sentido.
Que mensaxe queres transmitir con estas expedicións?
Que xa non se pode vivir ignorando o cambio climático. Detelo ou minimízalo está nas mans de todo o mundo. É difícil desmontar o noso modelo de vida actual, pero hai alternativas e hai que forzar a que os países tomen determinados acordos .
Vas marchar para vivir unha tempada nos EUA… E logo Vigo?
Vigo é a miña casa. É un proxecto a curto prazo con idea de retorno. Aquí están a miña familia, os meus amigos, as miñas raíces, os meus lugares… Eu viaxo por todo o mundo, pero sempre preciso volver.
Texto: Tamara Novoa
Fotos: Pablo Vázquez
[Esta entrevista pertence á revista A movida de Febreiro. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024