Catro propostas do Galician Freaky Film Festival que che deixarán co cú torcido
O festival internacional de cine freak e fantástico de Vigo prendeu onte á tarde o proxector e continúa ata o sábado cunha chea de actividades que reivindican a escena underground e apelan ao freaky que hai dentro de cada un de nós. As entradas están á venda na web do festival e adquírense para días completos.
Arrepíos, risas, tensión e moitas caras de sorpresa invadirá os Galicines da Praza Elíptica coa chegada do Galician Freaky Film Festival, os días 28, 29, 30 de setembro e 1 de outubro. O certame procurará, un ano máis, sorprender e divertir aos asistentes cunha selección de traballos internaciais. Estas son as proxeccións e actividades que non debes perder:
A sección oficial. Formada polas curtametraxes que optan a gañar algún dos premios deste ano. Está repartida en oito bloques, con títulos tan suxerentes como “Alimento para o maxín”, “Humor freak” ou “Que carallo é isto”, e seleccionados entre miles de traballos que os programadores do GFFF ven durante todo o ano ata atopar verdadeiras xoias do audiovisual. Estes son algúns dos títulos que recomendan fervorosamente desde o festival:
Hideous, de Yann González (Reino Unido, 2022) – “Que carallo é isto 2” – Filme musical protagonizado polo cantante de The XX que constitúe unha viaxe surrealista de amor, vergoña e sangue.
T’es morte Helene, de Michiel Blanchart (Francia 2020) -“Arrepío 2” – Macabro relato sobre un mozo perseguido pola pantasma da súa exmoza.
Affairs of the art, de Joana Quinn (Canadá, 2021) – “Alimento para o maxín” – Curta de animación nomeada aos Premios Óscar que amosa o excéntrico pasatempo dunha entrañable familia: a taxidermia de mascotas.
Brutalia, days of labour, de Manolis Mavris (Grecia, 2021) – “Que carallo é isto?! 1” – Gañadora do Premio Canal+ no Festival de Cannes, é unha crúa metáfora da sociedade actual a través da vida das abellas dunha colmea.
Os primeiros filmes de Peter Jackson. Si, antes de facer supreproducións o mozo Peter Jackson gravou varias películas moi freaks, cheas de sangue, escenas gore e humor. A máis famosa foi Braindead, que chegou a España co título Tu madre se ha comido a mi perro e da que se cuplen 20 anos desde a súa estrea. Braindead está coprotagonizada pola sevillana Diana Peñalver, que estará presente no festival e charlará cos asistentes o sábado. Tamén se proxectará Bad Taste, hoxe, xoves 29 pola tarde.
O Café con CREA e Javi Camino. O director Javi Camino fará de guía pola historia do cine fantástico español. Unha divertida viaxe na que descubriremos algúns dos momentos máis frikis da nosa cinematografía: desde os grandes clásicos ata os bodrios máis desconcertantes, pasando por todo tipo de rarezas e parodias.
Desfrutar da New Videodrome. Co cambio de localización á Praza Elíptica a Videodrome trasládase á Sala de exposicións Apostrophe.arte, situada na planta baixa xunto á billeteira do cine. A galería foi decorada para a ocasión con elementos da película Braindead. Alí atoparemos o bar (porque non hai GFFF sen cervexa), a divertida exposición La línea general, e algunhas das actividades paralelas da mañá, así como a oportunidade de xuntarnos e charlar con outros freaks, parte indispensable do festival.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024