CASAACUNHA

Catamos a Sección Oficial do Festival de Cans

O pasado sábado 4 de setembro remataba unha nova edición, e xa van 18, do Festival de Cans. Igual que a anterior, estivo marcada pola pandemia, con aforos reducidos e un ambiente menos festivo do habitual. Con todo, a programación foi ampla e variada, con numerosas proxeccións, coloquios e concertos. Pasámonos o sábado pola vila porriñesa a desfrutar da sección oficial de ficción e animación do festival.

Fotograma de Homeless Home, de Alberto Vázquez

Que o cinema galego leva anos gozando de boa saúde, con pezas cada vez máis logradas técnicamente a case ninguén se lle escapa. Tampouco que a maioría destas obras, longas ou curtas, teñen como común denominador temáticas intimistas, dramáticas e diálogos profundos e minimalistas. Tamén hainas que xogan co pasado mítico de Galicia, coas súas tradicións e lendas. Moitos destes elementos saíron a relucir nunha irregular sección oficial do Festival de Cans.

Acudimos á Casa de Mari ás 12:30 para presenciar o bloque II, que abriu con O que queda de nós, de Miguel Gómez, unha das obras máis destacadas da sección oficial. Cunha ambientación distópica lograda e unha boa dupla protagonista (Lidia Veiga gañou o premio á Mellor Interpretación Feminina), o filme mantén a tensión ata o xiro final. Outras, como Somos cárcere ou Hai unha virxe alí arriba, naufragan no seu intento de trascender, especialmente a segunda. Rakel, de Aarón Vilariño, non aporta nada novo a un xénero como o drama social, tan manido por autores como os irmáns Dardenne ou Ken Loach. Cineris, de Carlos A. Quirós, parte dunha premisa interesante de humor negro que se vai desinflando co paso dos minutos, malia á beleza do seu final.

En canto a animación, o mestre desta disciplina en Galicia é Alberto Vázquez, quen volveu demostrar o seu talento con Homeless Home, o filme máis interesante da sección e gañador do premio á Mellor Curta de Animación. Un traballo impactante e escuro, marca da casa do autor coruñés, excelente debuxante e posuidor dun estilo propio á hora de contar historias. A outra peza animada deste tramo foi Autoridade desconfinada, de Marcos Rodríguez, que tamén parte dunha boa e divertida idea (os policías de balcón durante o confinamento) pero que peca dunha realización excesivamente infantil.

Banner A Movidiña

Tras coller forzas cun bocata de xamón asado no Rincón de Olga, volvemos á carga no mesmo lugar que o primeiro bloque, que comezou coa curta que gañaría o Premio do Público: O son da balea, de Daniel Suárez. Pola súa localización e pola súa temática (reencontros e dramas do pasado que continúan no presente), recorda moito ao filme Ons, de Alfonso Zarauza, pero cunha imaxe máis comercial e amable. The Monkey, unha coprodución hispano-portuguesa, foi outra das sorpresas da tarde, cunha animación moi lograda e unha historia atractiva. A outra animación da sección foi Rumbo a Eleusis, de Borja Santomé, unha peza confusa e experimental que fala sobre o máxico e o sobrenatural no mundo moderno. O mellor que podemos dicir de Cabelo, de Beatriz Vilariño, é a súa coidada fotografía analóxica, pois a trama transmite apatía e indiferenza.

A coruñesa Anita Pico trae desde Reino Unido What a Circus, unha sátira moi veloz e extravagante sobre os problemas da sociedade actual. Dani Viqueira continúa a liña de terror psicolóxico e sanguinolento iniciada en Limbo con La penumbra, curta que fará as delicias dos amantes do xénero. Xa encarando a recta final chega Monte Bravo, a flamante gañadora do Premio a Mellor Curta de Ficción, unha obra delicada ambientada na Galicia de posguerra. Pecha a o bloque Deux options, do vigués Gon Caride, cun reparto recoñecido co Premio á Mellor Interpretación Masculina e rodada en Francia. O filme fala do rascismo e da crise dos refuxiados cuns diálogos dinámicos e cunha tenisón narrativa notable.

A falta de catar outras seccións como Furacáns ou Novas Camadas, o regusto que deixa á Oficial é algo agridoce, cunha tendencia un tanto homoxénea que entende o cinema de autor como algo introspectivo, pausado e abstracto, deixando fóra moitos outros estilos que parecen esquecidos no actual panorama galego, como son a comedia, thriller, acción, dramedia, aventuras, ciencia ficción e outras moitas formas de entender o cinema.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.