Capitán Banner, dez anos de travesía creativa
A axencia de mar-keting Capitán Banner fai dez anos e a súa tripulación celébrao embarcándose no Cruceiro X, unha campaña 360 con accións nas rúas e nas redes, que culmina este xoves coa celebración dunha festa de aniversario xunto á súa clientela.
«Tokyo. N.Y. Madrid. Paris. Vigo». Seguro que recordas ese lema, que se fixo viral en camisetas durante o Nadal de 2019. As súas creadoras son a publicista Alexia Alonso e a xornalista Virginia Hernández, responsables da axencia de márketing Capitán Banner, na que levan desenvolvendo campañas tan memorables como esta durante a última década. Aquelas camisetas foron un proxecto ideado por puro lecer, pero dá boa conta da capacidade desta empresa para detectar caladoiros de mercado e virar rápido para facerse coa captura. «Estou segura de que foi o artigo de merchandising vigués máis vendido aquel ano e a partir de aí xurdiron outras empresas que as replicaron», apunta Alexia e apunta que foron pioneiras no proceso de modernización dos souvenirs vigueses.
As dúas temoneiras están afeitas a chegar as primeiras. Fixérono en 2014 cando se lanzaron a crear unha empresa especializada en implantar e potenciar a presenza dixital das empresas galegas cando isto aínda non era habitual. Os inicios non foron doados, pero o bo facer e os resultados fixeron que axiña chegasen novos clientes por recomendación. O gran crecemento chegaría en 2020. «Na pandemia vivimos un interese xeral das pequenas e medianas empresas por potenciar a fiestra dixital, pois era a única que tiñan aberta ao mundo». Na actualidade, Capitán Banner é un axente recoñecido polo Goberno para a implantación do Kit Dixital en catro modalidades: ecommerce básico, ecommerce premium, social media e web.
Alexia e Virginia teñen claro que un dos seus principais atractivos é ofrecer un servizo moi personalizado. Levan medrando unha década mantendo un cadro de persoal reducido, o que lles permite brindar un trato familiar que o cliente valora moito. Proba de que a proximidade funciona é a fidelidade das marcas coas que traballan. «O noventa por cento dos clientes que nos contratan quedan con nós, algúns están desde o principio», explica Alexia, que aclara que as empresas que se enrolan no seu barco son principalmente galegas e veñen de diversos sectores. Á hora de marcar unha estratexia de mercado, o primeiro é a creatividade. «É o maior activo do noso sector e ás veces deixase de lado polas présas, pero nós entendemos que nunca debemos perdela», engade a publicista.
Para corresponder a confianza da clientela, estas dúas creativas idearon unha campaña para celebrar esta década de vida. Para chamar a atención, déronlle vida á figura do Capitán Banner, e ademais creáronlle un inimigo: o pirata Hacker Sparrow «que representa as pedras no camiño que nos atopamos os emprendedores case a diario». Os dous mariñeiros pasearon por Vigo o mes pasado, impactando aos viandantes e creando unha incógnita que tamén se viu reflexada nas redes sociais.
Para celebrar e agradecer este tempo de travesía conxunta, o capitán repartiu personalmente entre os clientes invitacións con forma de pasaporte de cruceiro, con tarxeta de embarque para a festa de aniversario que celebran este xoves, 13 de xuño. Outras das accións levadas a cabo polo aniversario foi a renovación do mural de Abi Castillo que cubre as súas instalacións.
Estrada de Camposancos, 45 | capitanbanner.com | hola@capitanbanner.com |@capitanbanner | 986 29 91 06
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024
- Monkey Park, diversión salvaxe en Portugal - 12 Novembro, 2024
- Tea Talk, un sorbo de Asia no corazón da cidade - 7 Novembro, 2024