Brooklyn Fitboxing, puntos de karma
O boxeo sen contacto combinado con artes marciais e exercicios funcionais a ritmo de música é a actividade que desenvolveu a cadea internacional Brooklyn Fitboxing, que chegou a Vigo en 2019. As clases arrancan cunha parte de quecemento e técnica para dar paso a oito asaltos de golpe ao saco. Entre estes rounds fanse exercicios funcionais para poñer o corpo en forma de maneira completa. Ao final chega o momento dos estiramentos, que acaban cunha pequena actividade relaxante para volver á rúa en calma. Isto segue unhas coreografías que varían cada quincena, pensadas para queimar o máximo número de calorías e tonificar todos os grupos musculares.
Ao longo de 47 minutos, nin máis nin menos, este centro deportivo propón un adestramento divertido e interactivo que mestura exercicios cardiovasculares e de forza. Para iso bótase man dunha tecnoloxía patentada coa que os sacos de boxeo miden a intensidade, a enerxía e a sincronización dos golpes. Ao remate de cada clase, o usuario recibe unha puntuación e xera uns «energy points» que o estabelecemento converte en cartos para doar ao final do mes á organización non gobernamental que escolla cadaquén. A puntuación rexístrase nunha clasificación mundial que dá acceso a competicións internacionais. En varias ocasións, o centro de Vigo clasificouse para os Fitboxing World Games e colocouse no medio da táboa entre máis de 400 equipos. O grupo gañador recibe 10.000 € que serán doados á ONG que se escolla.
Aínda que as clases son colectivas, o traballo é individual para propiciar que cada persoa teña un desenvolvemento de seu, os adestradores certificados esméranse en ofrecer atención personalizada. Rosalía Puga, xerente do centro vigués explica que «unha das mellores cousas que ten esta actividade é que é moi doado comezar e mellorar», polo que os practicantes non experimentan frustración e a clase é apta para calquera persoa a partir dos 14 anos, sexa cal for o seu punto de partida. A mellora física non é o único bo motivo para acudir a este centro: «Dun tempo a esta parte, creceron as altas por recomendación de psicólogos, que derivan pacientes afectados por estrés e ansiedade», explica Rosalía. O exercicio físico, en especial a disciplina das artes marciais, pode funcionar como catalizador emocional de enerxía. Toda aquela persoa que queira probar este deporte pode acceder a una clase de proba por 9,95 € e levar unhas luvas e vendas de regalo.
Rúa de Venezuela, 28, baixo | 658 83 86 34 | @bf_vigocentro
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Piacere, mirando o mar - 11 Decembro, 2024
- Alium, con gusto e sen glute - 7 Decembro, 2024
- 70 anos de sabor: Pereira publica un receitario creado por Rafa Centeno e Inés Abril - 4 Decembro, 2024
- Omichi: o camiño do bo ramen - 28 Novembro, 2024
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024