Broken Peach: “A xente o que lle gusta é o rock & roll, o que pasa é que non se dá de conta”
Pepo, Lara, Érika, Lewis, Rubén, Julián e Sela son Broken Peach, unha das bandas viguesas do momento. É difícil non coñecelos porque están en case todos os saraos da cidade e arredores. Sen ir máis lonxe, mañá os poderemos ver en La Fiesta do Pazo de Cea xunto a Iván Ferreiro e Mikel Erentxun e o domingo pecharán a romaría de San Roque.
Sodes unha das bandas do momento, non parades.
Estamos a vivir un pequeno soño. Non agardábamos tanto traballo e moito menos ter acceso a cousas tan guais. Onte tocamos nas festas da Peregrina en Pontevedra e deu un resultado fantástico. A praza estaba abarrotada de xente e o feedback do público foi moi bo, unha pasada!
Ides cumprir 10 anos xuntos, pero cando notastes ese subidón?
Hai tres ou catro anos que pasamos de ter un volume de traballo digno a duplicalo. Comezou a haber moito máis interese por sitios nos que levabamos tempo intentando entrar como concellos, festas… cousas para as que precisas un certo nivel de fama e repercusión. Vimos como despegaba o traballo duro de todos estes anos.
O paso por Got Talent axudou?
Tivo certa repercusión e viuno moitísima xente porque é un canle de televisión de máxima audiencia, pero non notamos que revertese en máis traballo.
Outro momento importante vivido ao longo destes anos foi o alcance conseguido co vídeo no que interpretades This is Halloween de Tim Burton.
Ese si que foi un punto de inflexión. Sobre todo en redes sociais, público, fans… Pese a que non reverteu tampouco en traballo porque é algo moi específico o tema de Halloween, que só vale para esa época do ano. Si que a nivel redes sociais foi un boom, pasamos de ter uns 6.000 seguidores a ter 90.000. Puidemos vivir en carne propia o significado de que se viralice algo. Alguén nun punto do mapa decidiu compartilo nunha páxina oficial de Tim Burton e a partir de aí subiu como a escuma.
A raíz diso, non xurdiu a oportunidade de facer unha xira polos EE.UU?
[Risos] Pois aínda que pareza mentira houbo propostas bastante serias, chegando a pasar presupostos, estudando todos os custes etc. O que pasa é que non tivemos a oportunidade de dar o salto, quizais porque certa parte do traballo átanos a estar aquí e por axenda é complicado de compaxinar, pero dispostos estamos e estaremos sempre. Teñen saído cousas moi chulas, chamáronnos de Disney Land París e incluso de Exipto!
Como escolledes as cancións que ides brokenizar?
Eliximos as cancións que máis nos gustan e que cremos que van funcionar mellor co público. As levamos ao local de ensaio e lle damos un tratamento como si foran propias. Acostumamos a facer un arranxo bastante cañeiro porque a xente o que lle gusta é o rock & roll o que pasa é que non se dá de conta. Lévanos bastante tempo conseguir esa harmonía vocal e darlle toda esa calidade a que estamos acostumados.
Por iso dicides que vos brokenizades non versionades temas, non si?
En lugar de copiar o que xa está feito, que merece todo o respecto do mundo e está xenial, nos intentamos levalo por un lado máis artístico. Queremos que a xente nos contrate non só porque lle gusta e coñece as cancións, senón porque lle gustan as nosas versións.
A estética é tamén un dos vosos puntos fortes.
Si, é un 50%. Nós sempre dicimos que a xente ve e escoita ao 50%. E se o que ve lle gusta, sempre vai ser máis fácil que o que escoita tamén. Que os sete membros da banda vaiamos cunha estética rechamante é algo que ao público lle encanta.
Mañá actuades no Pazo de Cea o domingo en San Roque, atoparemos o mesmo espectáculo ou o variades?
Haberá algunha sorpresa, pero acostumamos a manter un espectáculo bastante fiel ao que facemos sempre. Moita xente ven a vernos polo que xa saben que facemos. Porque sabemos que o sold out de La Fiesta é por vernos a nós; creo que ninguén vai por ver a Iván Ferreiro ou a Mikel Erentxun. [risos]
O himno para o mundial junior de balonmán que se celebrou en Vigo hai unhas semanas foi o voso primeiro tema propio, virán máis?
Estamos no noso décimo aniversario e queremos facer algo espacial. Temos sorpresas preparadas para o final deste ano. O do himno fixo que adiantaramos o calendario bastante. Xurdiu esa oportunidade e non a quixemos desaproveitar. Pero haberá máis cousiñas.
Podemos agardar entón por un disco composto por vós?
É moi probable.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024