REVISTA OUTUBRO

Bouzas, espírito independente

Se a calquera de nós nos preguntan cal é a primeira palabra que nós vén á cabeza cando pensamos na parroquia de San Miguel de Bouzas é máis que probable que a maioría falemos da festa da Brincadeira. O curioso da repercusión desta celebración é que só ten 16 anos. Pero se nos poñemos a afondar en cuestións que deberían ser básicas para calquera habitante do municipio vigués ou visitante habitual, aí xa nos sacarían as cores a algunha xente. A data clave é o ano 1904; o outro día, se falamos en termos históricos. Porén, cada vez menos xente sabe ou estuda que ata ese ano Bouzas e Vigo eran concellos independentes. Tamén parece que caeu no esquecemento o feito de que, incluso despois desa fusión forzada pola administración estatal, a importancia de Bouzas para as industrias da conserva ou da pesca, para o sector naval —que xa no século XVI tiña sona e que no XIX, coa chegada do barco de vapor, rompeu todas as barreiras terrestres e marítimas—, superaba á da propiamente viguesa. Para mostra, o feito de que na vila de Bouzas se celebrou por primeira vez a feira internacional da World Fishing Exhibition fóra das Illas Británicas, en 1973.

Desde aquel entón, Bouzas viu crecer non só a poboación e o atractivo turístico, senón tamén a extensión a través de sucesivos recheos que lle foron gañando terreo ao mar (e máis que puido ser, se movementos sociais como o «Bouzas, móvete» non o desen impedido na década dos 80). Segue tendo un enfoque marítimo, pero agora máis desde o punto de vista científico por ser sede do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR). Chama a atención como estes conviven, porta con porta, co CIFP Audiovisual de Vigo. Grandes construcións, como a superficie da Zona Franca, que fan difícil imaxinar ou recordar como era aquela vila de casas baixas que tantos mariñeiros e piratas visitaron ao longo da historia. O que está claro é que se fose hoxe e non en 1589, sir Francis Drake non tería onde atracar os máis de douscentos navíos cos que por aquel entón arrasou non só Bouzas, senón todo canto atopou pola Ría de Vigo.

Do mar ao bar

«Nas tabernas xa non se canta». Iso nos contan desde a Asociación Cultural Vila de Bouzas, creada en 2016 para recuperar a historia e a cultura da zona con exposicións como Elas. As de Bouzas,que este ano tivo a segunda edición. Disque non hai moito podiamos visitar algunha das tabernas de Bouzas e escoitar cantigas mariñeiras, con máis ou menos afinación, pero con moito sentimento. Agora, incómodos pola ollada de visitantes ou habitantes non afeitos a este tipo de manifestacións artísticas, os cantores calan. A veciñanza de Bouzas —a de toda a vida e a que chegou hai pouco tempo, cando o boom turístico que afectou a todo Vigo parecía inimaxinable— está bastante molesta. Por aquí dise que Bouzas pasou de ser marítima a ser «barítima», que agora parece que o único importante é que se abran locais de hostalería, pero que non hai onde deixar que se fagan reunións sociais para crear tecido comunitario.

Os veciños queren ser escoitados e respectados; non entenden, por exemplo, que nunha das reformas da Alameda (noutrora denominada como praza das Redes, xa que alí se puñan a secar os apeiros do mar), se optase por poñer céspede artificial debaixo das árbores. Non parece haber defensa ante tal castración á natureza, sumada esta á cantidade inxente de formigón que agora atopamos no paseo marítimo, dito sexa de paso. Como dixo Xurxo Souto, Bouzas é a capital do mar galego, e iso non se pode esquecer.

A semente futbolística dos ingleses

A Eastern Telegraph Company, coñecida popularmente como o Cable Inglés, chegou á Ría en 1873 e trouxo consigo, ademais da posibilidade de comunicarse máis facilmente coas Illas Británicas, un por aquel entón descoñecido xogo no que se vían involucrados os pés cun balón. No Liceo de Bouzas, centro cultural en plena efervescencia naquela época, víronlle o tirón e decidiron apuntarse á moda. Daquela actividade lúdica importada nacería, en 1914, o Club Rápido de Bouzas, o segundo equipo de fútbol máis antigo de Galicia. Foi tal a importancia deste club, que a inicios dos anos vinte, é invitado a se unir á fusión do Real Club Fortuna de Vigo co Vigo Foot-ball Club para formar parte do nacemento do que hoxe é o RC Celta. A fusión entre concellos estaba aínda recente e a proposta foi declinada.

Na praia do Adro non se enterra a sardiña

Outra das particularidades que demostran que Bouzas ten carácter propio é o seu Entroido. Sen dúbida, o animal máis enterrado por toda Galicia cando rematan as celebracións do carnaval é a sardiña, e poderíamos pensar que nesta vila de pasado conserveiro tamén se optaría por iso. Pero non: o velorio neste recuncho onde remata a avenida da Beiramar xira ao redor da rincha, tamén coñecida como cabala. Sáese da Alameda e percórrese a zona vella ca defunta ata rematar na praia do Adro, onde se le o testamento para logo saír en procesión con algunhas das embarcacións tradicionais que fican amarradas no porto. Bouzas pode ser coñecida ata no Parlamento Europeo, onde a súa veciña Ana Miranda volve ser eurodeputada, pero a súa esencia segue a ser a daquela cidadanía traballadora e humilde que vivía por e para o mar.

Agradecemos especialmente a axuda en forma de relato histórico que parte da familia da Cultural de Bouzas nos brindou desinteresadamente: Paz Cardoso, Maite Fernández, Miguel Montenegro, Fani Pérez e Puri Pérez Leirós, coautora esta última do interesantísimo libro Bouzas olladas salgadas.

CATRO LOCAIS AOS QUE IR NA NOSA VISITA A BOUZAS

(Premendo no nome de cada local accédese ao artigo completo con máis información)

EQUILIBRIOS

Unha década despois de imaxinalo, coa axuda incomparable da rede familiar, Ángela ofrécelle á veciñanza opcións saudables con produtos de diversa índole: alimentación con selo ecolóxico, bebidas, cosmética, froitos secos, refrixerados, limpeza…

angelariosglezz@gmail.com | 662 48 03 35 | @equilibrios.tienda.eco

+ info

LA CANTINA DE BOUZAS

Xa sexa para tomar o primeiro café da mañá ou para tomar algo antes da medianoite, La Cantina de Bouzas ofrece tanto espazo interior como terraza para pasar un tempo de calidade.

roivigo@hotmail.com | 666 91 07 17 | @lacantinabouzas

+info

RINCÓN DA MIÑA NAI

A quen non lle gusta saír comer e atoparse coma na casa? E se ademais o prato nos ofrece a mestura de fusionar a gastronomía galega coa brasileira, éxito asegurado! Iso pensou Crystal cando a primeiros de ano, ignorando a quen lle dicía que xaneiro non era mes de inaugurar nada, abriu as portas deste restaurante

rincondaminanai@gmail.com | 685 01 27 15 | @rincondaminanai

+info

PATOURO

A fidelidade da clientela, que na primeira hora se mestura con turistas de costumes máis temperáns, cuestiona se a estabilidade non estará sobrevalorada no mundo da cociña. En Patouro, os únicos seguros son a calidade e o produto de temporada.

benyunan@hotmail.com | 886 11 30 42 | @patouro

+info

Noelia Álvarez
Redactora

Lara Alonso
Fotógrafa