CONCERTOS CASTRELOS
DIA DE GALICIA

Equilibrios

Parecera que, dun tempo a esta parte, non se abrisen máis que locais de hostalería e que o resto de tecido comercial non fose xa unha opción, alén de necesario. Porén, agochada na rúa dedicada ao poeta Añón, atopamos desde finais de 2023 a Ángela, unha moza de sorriso tranquilo e mirada segura.

Nacida nunha familia onde defenden que a saúde e a alimentación proveñen do natural, cos artificios xustos, a idea de crear un espazo como Equilibrios apareceu cando apenas tiña 20 anos e gardouna ata que se puido facer realidade. Unha década despois, coa axuda incomparable da rede familiar, ofrécelle á veciñanza opcións saudables con produtos de diversa índole: alimentación con selo ecolóxico, bebidas, cosmética, froitos secos, refrixerados, limpeza…

E por se fose pouco, aquí tamén se realizan talleres onde aprender a preparar kombucha ou xucrute e as cualidades deste tipo de alimentos. Para ofrecer un servizo totalmente profesional e personalizado, Ángela cóntanos que está realizando formación profesional de nutrición e dietética nos poucos momentos que ten libres, pois (a tenda só pecha os días festivos).

Chama especial atención ao entrar no local o expositor de froitas e verduras onde destacan os produtos de cooperativas do Baixo Miño. Outros dous reclamos que lle aseguran a Equilibrios o mellor dos futuros son o servizo a domicilio (realízase a última hora, tras o peche) e as empanadas e os biscoitos de fariña integral ecolóxica de trigo de Khorasán que a súa tendeira ofrece os domingos.

angelariosglezz@gmail.com | 662 48 03 35 | @equilibrios.tienda.eco

SONRIAS

Noelia Álvarez
Redactora