CASAACUNHA

Beleza e traxedia na exposición ‘La Palma: volcán e vida’

Este luns presentouse na sala de exposicións do Teatro Afundación a mostra La Palma: volcán e vida, un conxunto de impactantes fotografías e textos ao redor da erupción do volcán de Cumbre Vieja na illa canaria. A exposición é pioneira en amosar as fotografías da erupción e incorporar a primeira experiencia de realidade virtual obtida dun escaneado completo da colada e do cráter. Poderá visitarse ata o próximo 16 de abril.

Pode soar contradictorio e mesmo cínico, pero en moitas ocasión a devastación e a dor esconden un curioso tipo de beleza. Vímolo hai meses na mostra Unha xeografía atormentada do fotógrafo vigués Javier Teniente, e podemos velo agora na sala de exposicións do Teatro Afundación con La Palma: volcán e vida. 45 imaxes do fotógrafo palmeiro Abián San Gil, xunto con textos da poeta palmeira Elsa López, o chef José Andrés, o xornalista de viaxes Ander Izaguirre, o escritor de natureza Gabi Martínez e a psicóloga Belén Colomina conforman esta mostra que se poderá visitar ata o 15 de abril.

Banner A Movidiña

Na inauguración estivo presente o propio Abián, quen contou de primeira man a súa experiencia ao pé do volcán e como tomou algunhas destas impactantes imaxes. Falaba dunha certa obriga ou responsabilidade como fotógrafo da illa, pois unha erupción como a de Cumbre Vieja é un feito histórico que dificilmente vai volver a ver na súa vida. “A miña avoa viviu tres erupcións volcánicas distintas, pero eu non sei se verei algo así outra vez”, comentaba. Malia estar especializado noutro tipo de fotografía, como a turística e a nocturna, o insular non deixou pasar a oportunidade de retratar coa súa cámara todo o que se estaba a vivir naquelas semanas. Ao longo desas case 50 imaxes podemos ver as diferentes fases do proceso, desde o inicio da erupción ata os labores de axuda do voluntariado, tanto acollendo familias nos pavillóns como quitando as cinzas dos tellados das vivendas. As fotografías, dun laranxa e vermello abafante, teñen un algo hipnótico que fai que non podas deixar de miralas, semellando case irreais.

Ademais das instantáneas e dos textos, a exposición ofrece unha experiencia de realidade virtual que recrea o volcán remontándose á súa historia a través de distintas xeracións da Palma. Esta creación de Carlos Seijo realizouse da man de Afundación a partir de 10.000 fotografías tomadas na Palma cun dron de última xeración, no que se narra a historia de varias xeracións marcadas pola resiliencia e a superación fronte á adversidade.

A exposición xorde da colaboración de Afundación coa Editorial Planeta, dinamizadora da publicación Más fuertes que el volcán, cuxos fondos se destinan integramente aos damnificados pola erupción de Cumbre Vieja. Así mesmo, o próximo 25 de marzo, o Teatro Afundación de Vigo acollerá ás 20.30 h o concerto solidario «Vigo coa Palma», da Coral Casablanca e Orquesta, cuxa recadación se destinará integramente á Palma.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.