Beiramar de fondo: o pasado industrial de Vigo sae á superficie
Vigo non se entende sen o mar. Cando pasa de vila a cidade, en 1810, vén da man dunha industrialización do sector marítimo. Esta corrente está capitaneada, sobre todo, por empresarios cataláns atraídos pola gran presenza da sardiña no Atlántico en comparación coa Costa Brava. Estes «fomentadores», como se coñecen popularmente, mudan a nosa paisaxe urbana con edificios, fábricas e palacetes. O paso da salgadura á conserva supón un importante cambio a todos os niveis: contrátase máis man de obra, fabrícanse novas redes de pesca, adquírese folla de lata en mercados estranxeiros e estámpase nela o nome da empresa mediante litografía… Chegando a Teis desde Bouzas, o treito da ribeira convértese na fachada industrial de Vigo. En 1939, esta cidade é pioneira no sector do frío industrial na pesca ou ultraconxelado, desenvolvido primeiro pola empresa Casa Mar e, un ano despois, por Frigoríficos de Vigo. En xuño de 1960 fúndase Pescanova, que revoluciona a industria do mar en todo o mundo, e os grandes frigoríficos van poboando o polígono da rúa de Jacinto Benavente e da avenida da Beiramar, esta última aberta en 1952.
Por desgraza, a imaxe actual é bastante diferente. Nun paseo de media hora entre O Berbés e Bouzas pódese comprobar o estado en que se atopan moitas das industrias protagonistas daquela época dourada. Os edificios, abandonados á súa sorte, continúan agardando a que alguén faga algo con eles mentres esmorecen ano tras ano, algúns mesmo sendo pasto das chamas. Este é o motivo do recente nacemento de Beiramar da Xente, unha plataforma formada por oito colectivos vigueses que queren insuflar unha nova vida a esta zona da cidade. David Amoedo é un dos membros da organización: «O que propoñemos é que se reutilicen estes edificios. Se os tiramos, a cidade perde carácter industrial e identidade». Segundo el, na Beiramar concéntrase toda a evolución histórica da pesca local: conserveiras, estaleiros, frigoríficos, metalgráficas… De feito, de Bouzas ao Vigo Vello, estas industrias están ordenadas case de forma cronoloxicamente paralela ao crecemento do sector. Amoedo fai especial fincapé nos edificios relacionados co frío: «Nós non inventamos a automoción nin as conserveiras, pero si o ultraconxelado no sector da pesca. Pareceríame moi triste tirar con todo iso, sería soterrar a nosa propia historia».
A nosa historia municipal ten un amplísimo currículo de destrución do patrimonio. No libro Vigo, la ciudad que se perdió, o arquitecto Xaime Garrido recompila decenas de exemplos, a maioría encadrados nos anos do desarrollismo, entre as décadas dos anos cincuenta e setenta. Ramón Viéitez, outro arquitecto, concorda con este punto de vista: «Vigo é unha cidade caníbal; para medrar e para desenvolverse foi destruíndo o anterior. A arquitectura industrial está en vías de desaparición», afirma. Segundo el, é unha tendencia que aínda se mantén, e pon como o exemplo o Barrio do Cura. Os feitos parecen darlle a razón: fóra da industria mariña, pódese ver o actual estado de abandono de edificios tan icónicos como a antiga fábrica de Santa Clara do Grupo de Empresas Álvarez (GEA) ou a Panificadora.
Mesmo cando hai un traballo de rehabilitación, os resultados poden ser tan desastrosos como a fachada de La Metalúrgica. Outras intervencións resultan máis discutibles. Por exemplo, as dúas do arquitecto pontevedrés César Portela: o Museo do Mar de Galicia e mais o Auditorio e Pazo de Congresos Mar de Vigo. No caso do museo, situado no lugar de Alcabre onde se levantou a fábrica de conservas Molino de Viento e que despois acolleu o matadoiro municipal, o arquitecto mantivo parte da estrutura orixinal, pero derrubou algunhas das naves existentes. Viéitez opina ao respecto: «Foi unha obra nova, non unha rehabilitación». No segundo caso, o auditorio levantouse onde estaban as instalacións de Casa Mar, pero sen respectar nada do edificio orixinal agás os volumes. Nunha entrevista de 2017, Portela afirmaba que intentou salvar a edificación histórica, pero que non puido ser porque a armadura estaba moi oxidada.
Se algo sorprende ao falar co historiador Antonio Giráldez, ademais do seu vasto coñecemento sobre calquera tema relacionado con Vigo, é o seu optimismo: «Eu sempre teño a esperanza de que as cousas, co tempo, acaben por resolverse. Co tempo, pero tamén con vontade. As diferentes administracións, por separado ou en conxunto, deberían ser sensibles e poñerse de acordo en dinamizar espazos que hoxe non teñen uso», comenta. O historiador e fundador do Instituto de Estudos Vigueses (IEV) recoñece que a cidade nunca se caracterizou por ter unha mentalidade conservacionista —cita casos como o mercado da Laxe ou o edificio Rubira, vítimas da picaraña—, pero pensa que as cousas están a cambiar: «Igual que facemos co patrimonio natural, como as Illas Cíes, quizais nos falta aínda un punto de conciencia para respectar o patrimonio arquitectónico industrial. E respectar é darlle valor ao que aínda se conserva», apunta. Viéitez non está de acordo con que a arquitectura industrial goce de menor aceptación na sociedade que outro tipo de bens patrimoniais. «Non hai máis que ver a grande aceptación que tivo en Madrid a rehabilitación do Matadero. Penso que os espazos industriais que se rehabilitan son aceptados, gozados e reclamados pola cidadanía. As xornadas de divulgación sobre o patrimonio industrial sempre teñen moito público en Vigo», indica.
Unha das propostas de Giráldez, ademais dunha serie de coloquios no próximo Fórum do Instituto de Estudos Vigueses para que a cidadanía propoña ideas de uso para estes edificios senlleiros, sería colocar unha placa explicativa en cada un deles. Unha idea similar xa foi levada a cabo por Beiramar da Xente; na ruta que a plataforma realizou en xuño, penduráronse notas informativas cun alzado de Davida en fachadas históricas como as de Alfageme, Barreras, Cardama, Cerqueira, Fribesa ou Frigodis.
Ademais de divulgar a historia patrimonial desta zona actualmente deprimida (conta con 110 inmobles e parcelas baleiras, segundo datos de Vigo Baleiro), a devandita plataforma cidadá chega con propostas para cada unha destas construcións: converter a antiga factoría La Artística en biblioteca do Estado e sede dun centro veciñal cunha gran praza pública; a vella fábrica de Bernardo Alfageme nunha sorte de Vigo Arena con capacidade media e lugar do Museo Anfaco da Industria Conserveira; e aproveitar todo o espazo das industrias do frío do Berbés para ampliar a Escola de Enxeñería Industrial, habilitar vivendas, construír unha residencia de estudantes e albergar un centro de negocios e innovación da economía azul e da pesca.
Mencionamos o desleixamento dos entes públicos ante esta a situación, pero o certo é que a maioría destas parcelas son privadas. Ramón Viéitez fala ao respecto: «Non vexo claro que todo o esforzo proveña da administración pública. Expropiar e rehabilitar un ben é custoso e dilátase moito no tempo. Como exemplo temos a Panificadora, coa que levan máis de 15 anos de proceso. Se os donos das edificacións non están de acordo ou hai fondos de investimento polo medio, mal asunto». Sobre se rehabilitar un edificio é máis caro que botalo abaixo e construír un novo, pensa o seguinte: «Normalmente non é certo. En todo caso, os custos serían equivalentes e, en moitos casos, menores. Na miña opinión, sempre compensa rehabilitar, non só polo aspecto económico, senón tamén polo cultural e o social. A cidade é unha paisaxe construída e deseñada por persoas e, polo tanto, ten memoria».
David Amoedo concorda: «Tirar e construír desde cero é máis cómodo, pero se fose máis barato non se terían aproveitado dúas bancadas na reforma do Estadio de Balaídos. Derrubar un edificio ten un custo ambiental enorme, é convertelo en lixo. No momento de urxencia climática en que vivimos, deberíase apostar firmemente por rehabilitar», conclúe. Desde Beiramar da Xente estase intentando iniciar un diálogo cos organismos públicos arredor desta problemática, polo momento sen demasiada sorte: o Concello de Vigo foi o único que recibiu a plataforma, pero emprazouna a unha reunión posterior co pretexto de que había que preparar mellor as respostas.
A aprobación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) está prevista para os próximos meses. Nunha conferencia de prensa a primeiros de agosto sobre este tema, o alcalde Abel Caballero afirmou que recuperará «o pasado industrial e tantos e tantos edificios que quedaron abandonados para rememorar a brillante historia da cidade». Preguntándolle sobre isto, Amoedo desafíanos lendo a prensa: «Que é o que se vai conservar de Alfageme? Preguntámolo en Urbanismo e non foron capaces de debuxárnolo nun mapa. Hai moito escurantismo, porque moitas das parcelas están en mans de fondos de investimento e o Plan Xeral non define o seu desenvolvemento, senón que queda en mans da promotora. Mantendo unhas poucas condicións, poden facer o que queiran», resume. Por exemplo, dos emblemáticos Talleres Alonarti só teñen a obriga de manter a fachada, pero poden desmontala e volver levantala noutro lugar (como aconteceu coa fachada da antiga estación de ferrocarril, castigada contra a parede). Sobre o PXOM, Viéitez conclúe que «no catálogo de protección de bens seguimos botando en falta varias das naves abandonadas das que falamos neste artigo». Agardemos que todo este traxecto chegue a bo porto.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024