COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

As organizadoras do Orgullo Crítico LGBT+ reclaman a implicación do Concello de Vigo

Despois de 15 anos organizando o Orgullo Crítico LGBT+ de Vigo, a Asociación Nós Mesmas retira o logo do Concello do cartel ao non recibir apoio económico da institución.

Durante todo o mes de xullo moitas cidades europeas ondean a bandeira do arco da vella en diferentes actos que reivindican a diversidade e esixen o dereito de todas as persoas a sentirse seguras e representadas, independentemente da súa condición ou escolla sexual. En Vigo, este labor é desenvolvido polas asociacións Nós Mesmas e Avante LGBT que, en colaboración con diversas entidades sociais, artellan un mes de actividades críticas, lúdicas e culturais que culminan cunha manifestación e unha festa o sábado 29. Nel colaboran activamente asociacións como Colectivo Diverso do Morrazo e DeFrente LGTBI+, espazos tan emblemáticos da cidade de Vigo como a Sala Ártika e Multicines Norte, ademáis de entidades e colectivos como Amnistía Internacional e VACAburra. O programa completo pode consultarse aquí.

Ata agora o logo do Concello aparecía no faldón do cartel de actividades, ata este ano. O motivo que alegan as organizadoras é que nunca existiu un apoio real por parte da institución. “Levamos 16 anos solicitando un maior compromiso, pero nunca chegou e queremos que se saiba”, explica a portavoz da Asociación Nós Mesmas Elisabet Pérez. A razón pola que ata agora o Concello figuraba no cartel é porque a asociación solicitaba unha axuda de concorrencia competitiva á Concellería de Igualdade, pola que recibían un máximo de 3.000 € para todas as actividades desenvolvidas ao longo do ano. “Organizar o Orgullo cústanos 12.000 €”, sinalan as organizadoras. A modo de folga de fame, este ano Nós Mesmas decidiu non solicitar esa axuda e evitar que o Concello de Vigo figure nun programa para o que non aporta facilidades e apenas cartos.

A portavoz manifesta o fastío de ser tratadas como unha ferramenta de pinkwashing , unha estratexia de márketing que proxecta unha imaxe irreal de apoio aos dereitos das mulleres e o colectivo LGBT+ ; como ocorre coas marcas que utilizan o 8M con fins comerciais. Javier Sánchez, activista polos dereitos LGBT+, investigador e artista drag, lamenta especialmente que isto ocorra nunha cidade na que considera que a cidadanía si está mobilizada. “Que outro lugar ten unha compañía de teatro travesti, un festival de Drag King e tantas asociacións que traballan en prol da igualdade e a diversidade?”.

A resposta a esta pregunta quizais a atopamos na Coruña, cidade á que a comunidade LGBT+ galega miran con desexo. O goberno de Inés Rey “contacta coas asociacións para coñecer as actividades e necesidades de cada unha delas”, explica Elisabet, ademáis de organizar actos propios. Varias asociacións desa cidade teñen previsto facer unha homenaxe a Nós Mesmas durante este Orgullo, para celebrar os 15 anos das activistas viguesas.

Ademais da falta de financiamento, Nós Mesmas lamenta as trabas do Concello, que esixe ás organizadoras uns requisitos que consideran desproporcionados para a celebración dos seus actos. Por este motivo, tiveron que deixar de facer na rúa o vermú da pedalada, no que se xuntaban menos de 50 persoas; e viron tambalearse a festa post-manifestación, unha das actividades principais, xa que lles obrigan a colocar catro baños portátiles na Porta do Sol, algo que a duras penas poden pagar. Tamén se lles complica a instalación de mesas informativas de asociacións. Malia ás dificultades, Almudena González, representante comarcal de Avante LGBT+, asegura nun comunicado que “este 29 de xuño ocuparemos de novo a Porta do Sol, visibilizando todas xuntas a nosa loita”.

Todo o programa do Orgullo Crítico é posible grazas ao traballo de persoas voluntarias e financiado a través de aportacións privadas. “Os cachés que podemos ofrecer a relatores e artistas é moito menos do debido”, lamenta Elisabet Pérez . As persoas que desexen facer a súa aportación poden facelo a través do crowdfunding que teñen activo.

SONRIAS
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.