As nubes e o mar, protagonistas da frase de Antonio García Teijeiro para Pereira
“As nubes deixan no mar bicos e versos para soñar” é a frase elixida este ano para ilustrar o valo que Pereira Productos del Mar ten nas súas instalacións da Avenida de Beiramar. O escritor vigués e Premio Nacional de Literatura, Antonio García Teijeiro, é o autor desta poética mensaxe. O poeta continúa así unha iniciativa da que xa formaron parte en anos anteriores Ledicia Costas, Yolanda Castaño ou Domingo Villar.
Cada ano desde hai unha década, Pereira Productos del Mar encarga a un autor ou autora galega tres frases que representen o espírito mareiro da empresa. Este ano o encargado de plasmar este sentimento con palabras foi Antonio García Teiejeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. As frases foron as seguintes: “O mar non ten paredes. Por iso inventa mil horizontes”, “Cando a lúa chama o mar, deixa a voz na beiramar” e, a gañadora, “As nubes deixan no mar bicos e versos para soñar”. A cidadanía, a través dos seus votos en redes sociais, escolleu esta última opción cunha ampla maioría.
Durante o evento de presentación a bordo do buque pesqueiro Argos Pereira, Antonio García Teijeiro expresou sentirse moi feliz vendo no valo os seus versos, “agradezo fondamente que pensasen en min para que a miña voz lles fale ás persoas nun valo que xa leva moita literatura enriba ao longo dos anos. Con este proxecto tan noso, Pereira demostra que hai maneiras diferentes e luminosas de facer publicidade. Poñer no valo das instalacións que ten a empresa en Beiramar frases ou versos de escritores e escritoras de Galicia é facer país. E que sexa en galego, aínda máis. É este un proxecto que se converte nunha aperta cálida á nosa cultura, á nosa literatura e á nosa lingua. É humanizar galeguizando a súa oferta. É algo que abre fiestras a horizontes máis ricos e auténticos e que axuda a facer Galicia”.
“As nubes deixan no mar bicos e versos para soñar” toma o relevo a “O mesmo mar fai cada día unha distinta praia” da poeta Yolanda Castaño que estivo no valo durante o ano 2021. Anteriores foron as frases de Domingo Villar, para quen houbo unhas palabras durante o acto, en 2020 e 2019: “Podo temer a morte, pero non quero ter medo a estar vivo” do libro “O último barco” e “O tempo, o sol e o mar engurraran o rostro do mariñeiro e cuartearan a súa pel como terra seca” da obra “A praia dos afogados”. “Neste mar navegan os barcos da nosa vida” da escritora viguesa Ledicia Costas foi a mensaxe seleccionada en 2018. “Estamos en la bahía de Vigo y sólo de usted depende que pueda conocer sus secretos” da obra de Julio Verne “20.000 leguas de viaje submarino” ilustrou a valle en 2017. “A maxia de saber amar” (2016) y “Cada palada cuenta” (2015) foron outras das frases que os viandantes en condutores que pasaban por Beiramar puideron desfrutar e que foron propostas e votadas polos seguidores nas redes sociais.