‘As mulleres planta’ por Ledicia Costas
O pasado sábado 16 de febreiro celebramos o 151 aniversario da chegada do Nautilus a Vigo na ficción literaria. Fixemos unha lectura pública do capítulo «A badía de Vigo», da popular novela Vinte mil leguas baixo dos mares, no que xa se está a converter nunha tradición. É bonito poñer en valor a conexión de Jules Verne e do Capitán Nemo cunha cidade como a nosa. Gústame definir Vigo como o fixen na obra Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta: «Vigo é industria, guindastres, barcos de peixe, edificios antigos de pedra, cabalos, mariñeiros tirando das redes. Vigo é unha criatura poliédrica e marabillosa que medrou até alcanzar a idade adulta». Escribir esta obra foi un reto por diversas razóns. Unha delas porque a concibín coma unha sentida homenaxe a esta
cidade que tanto quero. Son viguesa de corazón, creo sufriría se tivese que vivir lonxe de aquí. Outra, porque quixen ficcionar a segunda visita do escritor de Nantes a Vigo, esa que tivo lugar en maio de 1884, cando o barco de Verne, o impoñente Saint-Michel III, arribou na cidade debido a unha avaría na caldeira.
O feito de ambientar a novela no século XIX obrigoume a crear os escenarios propios da época e falar dun Vigo moi distinto ao que coñecemos hoxe. Unha cidade que empezaba a medrar inspirada nos ecos do Modernismo francés, onde a configuración das rúas era diferente, así coma o xeito de vivir e de entender o mundo. Mais escribir este libro foi tamén un reto porque tiña a intención de crear unha historia onde fantasía e realidade se entrelazasen, e tecer a novela cos fíos da sororidade. Para iso creei unha estirpe de mulleres únicas: as mulleres planta. Quería que esta fose unha obra que falase dunha historia de mulleres adiantadas á súa época. Mulleres ávidas de coñecemento, nun momento en que eran sistematicamente apartadas do dereito a acceder á cultura. Creo que por iso, ao longo da historia, hai referencias a persoeiras coma Jeanne Baret, a primeira en completar a volta ao mundo, unha botánica e exploradora francesa que desafiou á sociedade da súa época. Algo semellante nos toca facer a nós, as mulleres do século XXI: desafiar a sociedade na que vivimos. Empoderarnos e reivindicar o noso dereito a ser libres, independentes, autónomas. A estarmos vivas, a que non nos maltraten, non nos violen, non nos asasinen, non decidan por nós. Dereito a ocupar postos de responsabilidade nas empresas, a ter os mesmos salarios ca os homes, a denunciar o corporativismo masculino, a berrar ben alto que existen outras masculinidades posibles, onde eles choran, rin, manifestan as súas emocións e non teñen esa necesidade imperiosa de demostrar todo o tempo que están por riba de nós. Eu creo firmemente en que outro tipo de sociedade é posible. Oxalá moitas mulleres, e tamén homes, abracen esta causa. A causa da igualdade, que é a do Feminismo.
Por Ledicia Costas
Escritora
[Este artigo pertence á revista A movida de Marzo. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]