As carreiras comezan a recuperar ritmo
Aínda que o circuíto local de carreiras Run Run Vigo continúa en pausa, algunhas probas deportivas están a confirmar as súas respectivas edicións neste 2021 de transición. Entre elas atopamos tres probas en Vigo e outras sete en diferentes concellos da contorna. O mellor vai ser ir poñendo os tenis e comezar a quecer.
RASTREXO MONTECASTELO (30 de maio)
Proba deportiva para todos os públicos con equipos de entre dous e cinco integrantes. Terá lugar nas inmediacións do monte Castelo en Parada, Nigrán. Haberá dúas categorías: Xóvenes castores e Explorers. As inscricións realizaranse no correo turismo@nigran.org
TRAIL DE VILATUXE (6 de xuño)
A proba sairá do Pozo do Boi (praia fluvial de Vilatuxe), en Lalín, o domingo 6 de xuño. A hora, distancia e o desnivel dependerá da modalidade escollida: longo (32km), curto (17), promo (12), andaina (17 ou 12) e pequetrail (de 400m a 3000m). Inscricións aquí.
V NOCTURNA DE NIGRÁN (12 de xuño)
Unha carreira que sempre conta con moita aceptación é a nocturna no concello veciño de Nigrán. Todas as prazas para esta V edición, tanto da modalidade de 5 como da de 10 quilómetros, están completas, cun total de 350 participantes.
X-ONE RACE (29 de agosto)
Proba de 8 quilómetros e 80 obstáculos na pista americana Brilat de Salcedo. As modalidades son: Elite Ocra, Elite Ocra por idades, Elite non ocra, Tanda FCSE, Tandas populares e Tandas kids (de 4 a 7 e de 8 a 11 anos). Inscríbete aquí.
THE WILD RACE (5 de setembro)
O festival multidisciplinar The Wild abre as inscricións de The Wild Race, unha carreira OCR que terá lugar o 5 de setembro e que promete grandes doses de adrenalina e desafío nun entorno natural como é o Parque Forestal de San Miguel de Oia. Ademais, cun percorrido de 8 quilómetros e máis de 35 obstáculos e desafíos naturais, incluiranse elementos adaptados doutras disciplinas como CrossTraining, PaleoTraining ou Strogman. As modalidades son Wolf, Raven, Élite e Popular. Inscricións aquí.
MEDIA MARATÓN DE VIGO LA 21 (7 de setembro)
Volve La 21, a media maratón de Vigo, o vindeiro 7 de setembro. Nesta edición só contará con 500 prazas, nas que xa están incluídas as persoas inscritas na última edición. A proba sairá ás 10:21 da praia do Vao e rematará na rúa Montero Ríos. Existen diferentes modalidades: clásica, 10 quilómetros, relevos de dous e relevos de catro persoas. Podes inscribirte aquí.
DESAFÍO BOOT CAMP (3 de outubro)
Boot Camp é un dos maiores eventos deportivos e de lecer do Norte de España e Portugal. Todo comezou en 2015 como unha carreira de obstáculos onde os corredores debían superar uns 30 obstáculos nun percorrido de 6-7 quilómetros. Ano a ano o proxecto foi crecendo, incluíndo novas actividades deportivas e de lecer. Esta 7ª edición terá lugar o 3 de outubro, cunha xornada previa con masterclass e exhibicións. As modalidades son Élite, Popular, Equipos e Kids. Inscríbete aquí.
V CROSS POPULAR CABO UDRA (10 de outubro)
O Cross Cabo Udra (Bueu) nace coa clara intención de darlle continuidade e recuperar unha proba que se viña realizando desde antano, e que era un dos referentes provinciais a nivel escolar e popular, o Cross de Beluso. Falar del é mergullarse nunha montaña rusa de recordos e imaxes que nos trasladan as décadas dos 80´ e 90´ onde tivo o seu maior esplendor. As inscricións aínda non están abertas.
TRAIL DO TREGA (17 de outubro)
Despois do éxito da proba nos Muíños do Folón (as prazas esgotáronse en menos de 24 horas) o pasado 9 de maio, a Pontevedra Trail League continúa no sur da provincia o 17 de outubro co Trail do Trega, en A Guarda.
TRAIL DO ALOIA (7 de novembro)
Terceira parada da Pontevedra Trail League, que se celebrará en novembro no monte Aloia, Tui. As inscricións aínda non están abertas.