VEGANA

Os festivais de 2020 comezan a quentar motores

Xa imos coñecendo algúns dos nomes que formarán parte dos festivais galegos deste verán, como son o PortAmérica, o Resurrection Fest, o Atlantic Fest ou o SonRías Baixas. Outros, aínda sen cartel, van anunciando datas: 17º Ribeira Sacra, Morrasound ou Vigo SeaFest.

Los Nastys na última edición do Vive Nigrán | Uxía S.

Xa hai uns meses que o festival máis grande da comunidade, o Resurrection Fest, anunciou cartel e esgotou todos os abonos. E non é para menos, xa que o evento que se celebrará en Viveiro do 1 ao 4 de xullo traerá bandas do nivel de Judas Priest, System of a Down, Korn ou Amon Amarth.

Durante as mesmas datas (do 2 ao 4 de xullo) terá lugar en Caldas de Reis o PortAmérica, que tamén ofreceu ao seus seguidores unha ampla lista, aínda incompleta, dos nomes que formarán o cartel. Entre eles podemos destacar a Leiva, Rufus Wainwright, Sidonie, Viva Suecia, Vintage Trouble, Coque Malla, León Benavente ou Royal Republic. Merca aquí o teu abono.

En Vilagarcía de Arousa será o Atlantic Fest do 24 ao 26 de xullo. Un festival que di adeus á illa para medrar na Praia da Concha, sempre a carón do mar como vén sendo habitual. Xa son varios os nomes que coñecemos desta nova edición: Amaia, Fuerza Nueva (Los Planetas + Niño de Elche), Carolina Durante ou Javiera Mena. Podes adquirir aquí o teu abono.

O SonRías Baixas esgotou en menos de 3h as 700 primeiras entradas da sua 18ª edición, que se celebrará do 30 de xullo ao 1 de agosto en Bueu. O prezo actual do abono é de 41€ máis gastos, polos que poderemos gozar de artistas como Kase.O, Desakato, Balkan Paradise Orchestra e García MC & Nación Kilombo, os únicos confirmados ata agora. Para ir saciando o apetito, o festival organiza unha serie de concertos previos en diferentes localizacións, entre as que atopamos a Sala Master con SonDaRúa e Ninhodelosrecaos Dj o 12 de marzo e a Sala Rebullón con Muyayo Rif e Dakidarría en acústico o 20 de marzo.

REVISTA OUTUBRO

No apartado dos festivais con datas confirmadas pero aínda sen cartel, atopamos O Son do Camiño do 18 ao 20 de xuño, o Vigo SeaFest do 9 ao 12 de xullo, o Morrasound (Domaio) o 19 e 20 de xullo e o 17º Ribeira Sacra do 30 de xullo ao 2 de agosto. Por último, fóra de Galicia pero ben preto, temos o EDP Vilar de Mouros (Portugal), que polo de agora confirmou a Iggy Pop o 29 de agosto. Agardamos noticias nos próximos meses destes e outros eventos como o Festival Noroeste, o Revenidas, O Marisquiño, o Vive Nigrán, o Sinsal, o Caudal Fest, o Festival da Luz ou o WOS.